O vindeiro 17 de maio a cultura galega ten unha nova cita na aldea do Couto, en Ponteceso, co “Semente Festiletras”, que organiza a Fundación Eduardo Pondal, en colaboración con varias institucións. A xornada empezará co pregón de Fina Casalderrei (10.30 horas), lembrando a “Alba de Gloria”, de Castelao e a interpretación de Icía Varela na honra das cantareiras homenaxeadas.
A continuación haberá diferentes obradoiros: pandeireta con Suso Vaamonde construcción deste instrumento con Sanín, baile tradicional con Olga Kirk Palestra das Letras con Xabier Díaz e cestería con O Son das Varas, que se farán de forma simultánea en distintos escenarios.
A partir das 11.30 horas no Quinteiro abrirá a exposición e venda de artesanía e libros en galego; seguirá a charla coloquio da Fundación Legar sobre a música de raíz e unha cata de viños.
Yago Espasandín será o encargado de dirixir un roteiro teatralizado pola aldea (13.00 horas) e Yoseba inaugará o novo mural sobre as Cantareiras, protagonistas das Letras deste ano. Na mesma aldea haberá zona de xantar para encher o estómago.
Tamén haberá xogos tradicionais co Melga, a partir das 15.00; obradoiros de coiro con Elena Ferro e contacontos con Beatriz Campos. A actividade non cesará no Couto e ás 17.00 horas terá lugar a Cova Céltica coordinada por Marta Villar, coa paraticipación de Xosé Manuel Varela, Patricia Blanco, José Manuel Fernández Pensado, Antonio Reigosa, Mini Rivas e Domingo Blanco.
Cara as 18.30 celebrarase unha misa en galego na igrexa de San Tirso amenizada por Luís Pinto e Irma Macías e a asociación Fuliada, e ofrenda coa coral A Oliveira de Monte Branco. Logo entregaranse os Premios Bos e Xenerosos, que recaen na agrupación Aturuxo, Leilía Milladoiro e Antón Luís Santamaría Fernández. A xornada rematará con música en galego cos concertos de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Catuxa Salom.