Os Premios Fouciño presentan una quinta edición “diversa, comprometida e local”

Os Premios Fouciño presentan una quinta edición “diversa, comprometida e local”
Presentación do cartel dos Premios Fouciño, este martes / Mar Casal

Os Premios Fouciño presentaron este martes no salón de plenos de Zas a programación da que será a súa  quinta edición, que se celebrará en Baio do 23 ao 25 de outubro e repartirá 1.800 euros en premios. O festival aposta por un formato semellante ao do ano pasado, que tivo moi boa acollida, e que combina curtametraxes dentro e fóra de competición, actividades lúdicas relacionadas co cinema e moita música. Trátase dunha programación “diversa, comprometida e local”, según sinalan desde a organización.


O equipo dos Fouciño anunciou a programación durante un acto dedicado ao propio certame baiés no marco da Semana Cultural de Zas. O evento contou coa presenza do alcalde, Manuel Muíño, xa que o Concello coorganiza o certame. 


O festival botará a andar o xoves 23 de outubro coa proxección de ‘Pura’, curtametraxe de Carmen Méndez gañadora dos Mestre Mateo este 2025. Despois do pase haberá un coloquio coa directora.

 

O venres 24 haberá unha sesión de catro curtametraxes que conectan no concepto de diversidade: ‘Delincuente’, de Alba Domínguez e Nuria Vil; ‘O Coidado’, de Miguel Canalejo; ‘Abellón’, de Fon Cortizo e ‘La casa de la abuela’, de Ashling Ocampo. A noite rematará cun concerto da cantante coruñesa Sofi Peries e un concurso de karaoke cinéfilo. 


O prato forte do festival é o sábado 25, coa proxección das curtas presentadas a concurso e a gran festa final na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e Tonita, conformando un cartel que aposta polos novos talentos e a música en galego. Antes, a mediodía, tamén haberá a proxección da curtametraxe do obradoiro infantil de cinema e a peza ‘Un peixe é un peixe é un peixe’ de Marilar Alexandre e Alberto Pombo, gravada en Fisterra. 


A organización dos Fouciño salientou a aposta deste ano por un cinema comprometido no social e innovador no formal, sempre desde o carácter local e íntimo das historias, ese “cinema de proximidade” que caracteriza a selección dos Premios Fouciño.

 

Os Premios Fouciño presentan una quinta edición “diversa, comprometida e local”

Te puede interesar