O uso do galego nas lápidas aumenta en Vimianzo e Santa Comba

O uso do galego nas lápidas aumenta en Vimianzo e Santa Comba
Vista do cemiterio de Vimianzo I AEC

Un estudio realizado por un veciño de Santa Comba, Xosé Caamaño Andrade, revela un incremento do uso da lingua galega nos rituais funerarios, especialmente na comarca xalleira nesta primeira metade do ano 2025. Ademais de Santa Comba, hai outros concellos nos que se nota este aumento a lingua como son Vimianzo, Negreira e A Baña. 


Xosé Caamaño asegura que “os anuncios necrolóxicos escritos no noso idioma están pegados nos lugares habituais e aparecen nas páxinas dos xornais e outro tanto pasa nos cemiterios, onde o número de lápidas con inscricións feitas en galego non para de crecer”. Este veciño de Santa Comba entrou en contacto con diferentes: as familias, as empresas do sector funerario, os marmoristas e tamén cos sacerdotes das diferentes localidades para levar a cabo o seu particular estudio. 


Caamaño reside en San Cristovo de Mallón, en Santa Comba, aínda que naceu na parroquia da Pereira, no mesmo municipio xalleiro. Orfo de pai, aos 16 anos emigrou a Suíza e formouse como canteiro en pedra natural. Após 42 anos de traballo continuado, en 2023 retornou á  súa terra. 

 

Escritor autodidacta


É un escritor autodidacta, e para alén da recopilación de contos de transmisión oral, publicou o poemario “Eu, tal como son” o pasado ano. O seu interese polo estudio da identidade galega e polo incremento das porcentaxes da expresión escrita naceu da relación con Manoel Vello Salvado (Mesía, 1972-O Pino, 2022), con quen visitou algúns cemiterios para facer localización e estudo dos epitafios. 


Desde xaneiro de 2025 é un dos máis activos colaboradores da iniciativa Palabra e Memoria, que está completando a cartografía da epigrafía funeraria dos cemiterios galegos e que xa conta con referencias de máis de 200 concellos por toda a xeografía.


Partindo de cero, na parroquia da Pereira rexistrouse un uso do galego por parte do 6 %  das familias (9 de 146); en Mallón, onde reside, a porcentaxe sube a un 8% alcanzado no primeiro tercio do século XX (19 de 236 familias). Nas parroquias de Logrosa e Gonte, en Negreira, onde fixo o traballo co profesor Xosé Amancio Liñares Giraut, sube ata o 11%, o dobre da media galega. 

O uso do galego nas lápidas aumenta en Vimianzo e Santa Comba

Te puede interesar