Á sombra da sobreira

Aquela árbore de diante da casa é unha sobreira, unha corticeira ou un corticeiro de moitos anos, as súas follas co bordo espiñento son perennes e a casca do seu curto tronco é a cortiza, moi demandada para a industria das rollas, tan apropiadas para tapar as botellas e os garrafóns de viño ou de augardente. A madeira da sobreira é dura como unha costa arriba. Os labregos das tribos rurais de Galicia usábana para facer os mangos das aixadas cavadoras. Pero, agora, a maioría dos lectores deste xornal, afortunadamente, non saben o que é cavar.


En cada lugar, en cada tribo e en cada pobo, convivían o máis tolo e o máis listo, dous personaxes aos que nunca vías coa aixada na man. “Iso de rebentar as mans co mango da ferramenta é cousa doutros, dos que saben, dos que aterran nunha realidade inexistente”, dicía un deles, mentres o outro aseveraba que a falta de coñecemento era a desgracia que obriga aos paisanos a traballar, se é necesario, sen descanso.


Andan uns criticando aos outros e todos deberían saber que os defectos de cada un non diminúen, nin acortan os defectos dos que andan ao seu carón. Moitos acórdanse do pasado, daqueles tempos nos que só había un tolo en cada pobo. Ou un só listo, que máis dá! Tamén hai quen aspira a ser o líder do seu pobo e hai quen entende que, como dicía Nelson Mandela, “un líder é coma un pastor de ovellas que permite ás máis listas (se é que as hai) que abran camiño e vaian diante, mentres o rabaño as segue, sen decatarse de que en realidade o guía está detrás”.


Aquí, cabe unha pregunta, ou dúas: 
-As mans que rebentaron agarrando o pau de sobreira, eran do tolo ou do listo? 
E, -quen vai detrás do rabaño? 


O líder, ao parecer, busca a aqueles que pensan como el, aínda que o indicado sería buscar aos que sinxelamente pensan. Se fose posible, debería buscar, como dicía Aristóteles, “aos que pensan como pensa a xente sabia, e falan como fala a xente sinxela”.


Todo debería encamiñarse cara aquela expresión de don Miguel de Unamuno, “hai que sentir o pensamento e pensar o sentimento”. A Tía Manuela di que se pode e se debe “integrar activamente a acción de pensar e sentir” e así conxugar, aínda que sexa á sombra da sobreira, a razón e a paixón, para darlles emoción e vida ás ideas.

Á sombra da sobreira

Te puede interesar