Vegalsa-Eroski promove na súa rede comercial a alimentación galega

Máis de 300 referencias contarán con descontos especiais ata o 29 de xullo nos Eroski de Galicia
Vegalsa-Eroski promove na súa rede comercial a alimentación galega
Un centenar de provedores locais apoiaron o inicio da campaña, onte no hipermercado Eroski de Nigrán

Representantes dun centenar de provedores locais de Vegalsa-Eroski déronse cita onte no hipermercado Eroski de Nigrán para apoiar o inicio da nova campaña de promoción de produtos de orixe galego impulsada pola compañía de distribución alimentaria, que permanecerá activa en toda a súa rede comercial de establecementos Eroski de Galicia ata o próximo 29 de xullo, baixo o lema ‘É bo que sexa de aquí’.


O acto de presentación contou coa participación do alcalde de Nigrán, Juan González; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación da Xunta de Galicia, Cándido Rial e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, Martín Alemparte. Por parte de Vegalsa-Eroski, interveu o director de Compras, Jorge Eiroa, e o director de hipermercados, supermercados e gasolineras Eroski, Florentino Vázquez.


Durante a xornada, tanto asistentes como clientes puideron degustar algúns dos produtos incluídos na iniciativa da man de Anfaco, Coren, Pazo de Pías, Ternera Gallega, Mariñeiras, Biscuits Galicia, Casa Grande de Xanceda, Hijos de Rivera, Martín Códax –ademais doutros produtos amparados baixo o distintivo Galicia Calidade–, a través dos postos repartidos polo hipermercado.


“Sempre estaremos ao lado dos produtores, para que os seus proxectos medren á vez que o noso. Deste xeito, contribuímos desde os nosos lineais a impulsar a competitividade das empresas galegas nas comunidades nas que temos presenza á vez que damos resposta ás necesidades dos nosos clientes, cada vez máis comprometidos cun consumo responsable a través da adquisición de produtos de proximidade e tempada”, destacou o director de Compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa, na súa intervención . Mais de 300 produtos galegos permanecerán en promoción os próximos días, ademais de contar con sinais especiais en tenda e nos folletos comerciais.

 

‘Viaxes aquí ao lado’

Durante o acto de celebración, a compañía presentou tamén a súa nova iniciativa ‘Viaxes aquí ao lado’, un proxecto dixital co que Vegalsa-Eroski busca dar visibilidade as historias que están detrás dos produtos que abastecen os seus lineais, concretamente aquelas que se desenvolven no rural.


Nesta primeira edición daranse a coñecer as historias de Ana unha gandeira en Oza-Cesuras: Álex, de lácteos Kalekoi; Nuria que dirixe ovos camperos Pazo de Vilane; Elías de mel Apia Natura e José de Lácteos Terra de Melide. Cinco pezas de vídeo nas que se conta en primeira persoa por que decidiron emprender no rural. 


Todas elas están dispoñibles na web viaxesaquiaolado.gal e proximamente tamén nas redes sociais da compañía. “En Vegalsa-Eroski pensamos que cando se trata de buscar produtores, canto máis preto mellor. Porque mercando local, impulsamos a economía da nosa contorna, fomentamos un consumo máis sostible e apoiamos os proxectos de moitos galegos e galegas que están a revitalizar o noso rural”, indicou o director de Compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa.

 

Comprometidos

Vegalsa-Eroski continúa reforzando cada ano o seu compromiso cos provedores locais a través do aumento do seu investimento en compras de proximidade. En 2024, destinou 566 millóns de euros a adquirir estes produtos, unha cifra que representa xa o 40% das súas compras, mentres que no que leva de exercicio (de febreiro a xuño deste ano), a compañía realizou compras locais por valor de case 225 millóns, cinco millóns máis que o mesmo período do ano pasado.


Durante 2024, a compañía colaborou con preto de 900 produtores locais, dos cales o 80% son galegos. Por categorías, froitas e hortalizas é a sección máis representativa en compras a distribuidores galegos en canto a número de toneladas, con máis de 28.000 toneladas adquiridas durante 2024. A sección de carnicería séguelle de preto, coa adquisición de 21.500 toneladas. En canto ao peixe e o marisco, destaca a posta en valor por parte de Vegalsa-Eroski da compra en orixe das lonxas galegas como Burela, Celeiro, A Coruña, Malpica, Laxe, Ribeira, Marín e Vigo). En 2024, a súa adquisición superou as 6.300 toneladas. 

 

Brindis Eboquesexadeaqui Vegalsa Eroski 15541568
 


Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castilla y León con 288 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. 


A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.  

Vegalsa-Eroski promove na súa rede comercial a alimentación galega

Te puede interesar