A Real Academia Galega (RAG) celebrará o 17 de maio o Día das Letras Galegas en Malpica cunha homenaxe ás cantareiras, na que haberá música de As Tanxugueiras. O pleno extraordinario celebrarase no centro cívico da localidade, a partir das 12.30horas, e previamente haberá un acto institucional da Xunta nas Torres de Mens, ao ser nesta localidade onde naceron as tres mulleres homenaxeadas, Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema. Ademais destas tres pandereteiras, o 17 de maio estará adicado ás cantareiras de Cerceda Adolfina e Rosa Casás Rama e á pandereteira de Muxía Eva Castiñeira.
No pleno participarán Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do ‘Cancioneiro popular galego’ xunto a Dorothé Schubarth; e Xesús Alonso Montero, expresidente da RAG. No ámbito musical as protagonistas serán as Tanxugueiras, un grupo que segundo á RAG é “un exemplo das novas vías da tradición reinterpretada desde a modernidade”.
O programa deste ano reivindica o legado das mulleres de pobo, que como as protagonistas das Letras Galegas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral. A súa continuidade pode verse en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, integrantes de Tanxugueiras, pero tamén noutros grupos como Milladoiro, Mondra ou Leilía. A entrada ao pleno será libre e os asistentes recibirán unha edición de ‘Por que non hei de cantar?’, ao cuidado do musicólogo Manuel Rico Verea.
A RAG tamén celebra o Día das Letras na rede con seccións como Primavera das Letras, dedicado ao público infantil, ou a serie documental ‘Se canto é porque quero’. Este mes estrenaranse varios episodios da s ‘O seminario de onomástica responde’. O Concello de Malpica tamén ten un amplo programa de actividades durante este mes, coa música tradicional como principal protagonista