O PSOE da provincia da Coruña manifestou o seu apoio ás familias do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, no concello da Laracha, que se concentraron o martes 22 de xullo diante da Casa do Concello para reclamar solucións ante a redución de prazas no comedor escolar. A protesta xorde como resposta á falta de previsión da Consellería de Educación, que deixou fóra do servizo a numerosos nenos e nenas que o viñan utilizando en cursos anteriores.
O PSdeG advirte de que este problema non é un caso illado. Lois García Carballido, secretario de Educación e FP, sinalou que case seis de cada dez alumnos de Infantil e Primaria da provincia da Coruña non teñen acceso ao comedor escolar. Na súa opinión, a recente modificación das bases dos comedores escolares por parte da Xunta supón un recorte encuberto nos recursos destinados á conciliación familiar e ao dereito á educación, deixando a moitas familias fóra deste servizo esencial.
Tanto Carballido como o tamén socialista José Manuel Abelenda acudiron á concentración na Laracha para mostrar o seu apoio ás asociacións de nais e pais do centro. “Falamos coa presidenta da ANPA, Irene Grela, e imos reunirnos co secretario provincial e cos parlamentarios para traballar nunha solución que garanta as prazas necesarias antes do inicio do curso”, indicaron.
Esixen á Xunta unha solución inmediata que garanta o acceso ao comedor escolar en igualdade de condicións para todo o alumnado, así como os recursos humanos axeitados para atender ao estudantado con necesidades especiais.