Acollido ás atencións do Patronato da Cultura Galega de Montevideo e á hospitalidade do escritor Xosé María Monterroso Devesa, auténtico embaixador de Galiza no Uruguai, recuperei ou descubrín, na miña estadía de hai anos, os nomes de Juana de Ibarbourou, Onetti, Galeano, Benedetti, Delmira Agostini ou Idea Vilariño. Foi Monterroso o primeiro que me falou doutro nome non menos ilustre: Selva Casal, nai do tamén poeta Pablo Eguren, presente estes días na Coruña para relanzar a revista Alfar. Fundada polo seu avó, Julio J. Casal aló polos anos vinte do século pasado, autores da talla de Borges, Unamuno, Machado, García Lorca, Alberti ou César Vallejo honraron as súas páxinas.
A morte da súa filliña Pepita (enterrada en Oleiros) precipitou o retorno do matrimonio Casal-Muñoz a Uruguai, onde naceu Selva, concibida como substituta de Pepita. Así, nos sucesivos domicilios da familia nunca faltou un reloxo de parede coa foto da nena falecida recortada no péndulo: Cadencia de tempo e memoria anainando o doloroso recordo, nunca superado, da filla que deixaran en Galiza.
Desde hai tempo, Pablo Eguren entrega xenerosamente o seu esforzo a divulgar e dignificar a obra dos seus devanceiros; actitude encomiable nun mundo, como o literario, tan cheo de egos hipertróficos. Publicou o monumental estudo “Julio J. Casal. Poeta de dos mundos” e promove agora a reedición de “El Árbol”, cando se cumpren cen anos da súa aparición. Asemade, defende e divulga a obra de súa nai, á que se refire polo nome, Selva Casal, e da que verá a luz en breve unha antoloxía no prestixioso Fondo de Cultura Económica.
A poesía de Selva Casal transita entre a delicadeza e a contundencia, entre o íntimo e o social. A súa voz é unha ferida aberta que cuestiona, interpela e resiste. A imaxe do xardín aparece como espazo simbólico de beleza e vulnerabilidade: lugar fértil, mais tamén exposto á destrución. O xardín pode ser o corpo, a memoria ou a palabra que medra, florece e sofre. Porque a dor é outra constante que informa os seus versos: “…que disparate buscar la belleza/ apenas vislumbramos algo/ y ya definitivamente caemos (…) si no sabemos nada/ por qué tanto dolor”.
O péndulo representa o tempo que oscila entre extremos: a vida e a morte, o amor e a perda, a esperanza e a desesperación. A poesía de Selva Casal móvese nesa oscilación que vai e vén, coma se cada verso fose un latexo entre abismos. A súa escrita non busca a paz nin o consolo, busca a verdade espida, sen adornos nin concesións. Xardín e péndulo son expresións da vertixe, do tempo que fuxe, fere e destrúe.
Voz de Selva tensa, áspera e directa, pero contida; núa, limpa, sen ceder a arroutadas nin a retóricas. Afondar nos seus versos é afondar na súa alma, nesa “tormenta que siempre llevo dentro”, aceptando o reto de coñecer a ferida e de escoitar o que dela abrolla na permanente procura da propia identidade e do sentido da existencia: “Todo desaparece a la hora del ángelus/ ese árbol que miras no es un árbol/ tampoco yo soy yo/ sigo buscándote por veredas oscuras”…