A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concede “por unanimidade” o Premio RAGC de Divulgación Científica 2025 a Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade. Está promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole. Este ano celebra o seu 20 aniversario, dúas décadas dedicada á promover as vocacións científicas e técnicas entre a mocidade, en particular entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP, Educación Especial e Bacharelato.
A Academia destaca o seu “magnífico labor de potenciar, divulgar e comunicar a ciencia, fomentando o o espírito innovador e emprendedor entre os participantes e contribuíndo ao desenvolvemento de vocacións científicas entre a mocidade”. Os membros do xurado poñen de relevo que se trata dun “ambicioso proxecto, que combina diferentes accións, cun elevado impacto no alumnado de toda Galicia”.
Galiciencia botaba a andar en 2006 como unha iniciativa pioneira na nosa comunidade co nome de “Expociencia”. Daquela reunía a pouco máis dunha ducia de proxectos nunha única xornada, mentres que na actualidade supéranse o centenar de propostas durante tres días, tanto de xeito presencial como online, amosando o talento que se agocha nos centros educativos de Galicia e doutras comunidades autónomas.
Durante este tempo, Galiciencia logrou consolidarse como unha cita de referencia para a mocidade, que presenta proxectos e solucións creativas e moi innovadoras. Cada edición dedícase a unha temática diferente, abordando aspectos de interese para o conxunto da sociedade como a saúde do planeta, a alimentación e os bos hábitos, a sostibilidade, as novas tecnoloxías… cunha especial preocupación pola igualdade de xénero e a diversidade. Nesta edición, que se celebra a vindeira semana, apóstase pola “Neurociencia e a saúde mental” como fío condutor.
“En cada edición comprobamos que aumenta o espírito emprendedor na rapazada”
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, agrade á Real Academia Galega de Ciencias a concesión deste galardón a Galiciencia en recoñecemento á súa traxectoria como iniciativa que, co apoio da Xunta, esperta o interese pola ciencia e a tecnoloxía na mocidade galega.
Pola súa parte, o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, amosa a súa “enorme alegría e satisfacción” por esta distinción. “O Parque foi un dos primeiros en incorporar no seu obxecto social, xa en 2012, a promoción da ciencia a través das actividades de divulgación científica. Detectouse a necesidade de fomentar o talento e a innovación desde idades temperás para que a mocidade poida emprender e, por que non, quedarse en Galicia e instalarse no propio Parque” -manifesta-.
“Co paso dos anos, Galiciencia foi medrando e, en cada edición, comprobamos que aumenta ese espírito emprendedor entre a rapazada. Contamos cun magnífico equipo de divulgadores que deseñan un completo e atraente programa de talleres, espectáculos de ciencia, concursos, retos científicos… É incrible ver como mesmo os máis pequenos se implican e nos amosan propostas realmente sorprendentes” -sinala Taibo-.
O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; xunto a José Antonio Redondo, Antonio Rigueiro, Félix Vidal e Fiz Fernández.