Freixanes: O galego ten diante dous retos, o uso en tecnoloxías e a transmisión xeracional

Freixanes: O galego ten diante dous retos, o uso en tecnoloxías e a transmisión xeracional

 "O galego ten dous retos: o uso na tecnoloxía e a transmisión xeracional", sinala nunha entrevista con EFE o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, quen apunta á "responsabilidade política" do Goberno galego á hora de favorecer a "socialización natural do idioma" en contextos de lecer entre os máis novos.


"Coido que as autoridades tenden a mirar para outro lado e a non enfrontarse á cuestión. Vivimos nun mundo globalizado e existe unha gran presión, porque a lingua galega ten unha presenza minoritaria respecto ás grandes linguas de produción, sobre todo no mundo do lecer. Habería que traballar aí, en ver onde está o galego nos programas de televisión, nos debuxos animados ou nas series", afirma o presidente da RAG.


Para a celebración, o vindeiro 17 de maio, do Día das Letras Galegas, Freixanes reflexiona sobre a situación da lingua galega na actualidade e, nese senso, sostén que aínda que se trata dun día "festivo", tamén ten unha compoñente "reivindicativa".


"Hoxe en día trátase dunha explosión social. Galicia é un dos poucos lugares no mundo onde unha celebración da lingua aglutina a toda a sociedade no seu conxunto", sinala respecto diso.


Máis aló de gabar a propia existencia do idioma, Freixanes incide en que o galego "non é unha lingua do pasado", senón que pertence ao século XXI e, ao seu xuízo, aínda que goza "de gran vitalidade" en contornas creativas, debe enfrontar grandes "desafíos", como a súa presenza nas tecnoloxías e no proceso de dixitalización, claves nun mundo "globalizado" que ofrece unha gran variedade de culturas e linguas.


"Nós somos unha lingua cunha demografía limitada, comparada con grandes produtores como o inglés, o propio castelán ou os veciños portugueses, dos que deberiamos aproveitar máis. Estar presentes nesa revolución tecnolóxica que é a comunicación é moi importante", afirma.


Ao fío diso, o presidente da RAG destaca a boa posición do galego no ranking elaborado polo Ministerio de Cultura francés, que nun informe no que analiza a importancia de 634 linguas de todo o mundo coloca ao galego no posto número 37.


Agora ben, manter ese estatus é tanto unha responsabilidade "social" como "política", debido a que é necesario que se produza esa "substitución xeracional" da lingua "entre avós e netos" e "pais e fillos".


"Moitos mozos comezan falando galego na casa e cando chegan á escola volven a casa falando en castelán", explica Freixanes.


Segundo asegura, é necesario que se aborde "unha política educativa" ao redor do idioma e tamén traballar "coas familias" no prestixio do galego, sobre todo en contextos sociais.


"Non se trata de darlle un tirón de orellas a ninguén, senón de pedir responsabilidades aos que as teñen, que é o poder político neste caso. A Xunta ten un departamento e aí é onde hai que profundar e reflexionar, para saber que se está facendo a día de hoxe co idioma", recalca.


Aínda que para Freixanes non se trata dun problema de competencias, debido a que na escola pública "fanse moitas cousas", sí que habería que abordar "moi seriamente" que ocorre coa lingua nas escolas privadas, posto que moitas veces "nin sequera se cumpre a lexislación vixente".


Tampouco axudan polémicas como a xurdida co topónimo "Sanxenxo" e a "recomendación", por parte da Real Academia Española, de usar o termo "Sangenjo" como forma "tradicional". "Creo que á RAE lle falta un punto de sensibilidade histórico cultural. Precisamos crear espazos para poder falar destas cousas. A toponimia, os nomes dun país, os nomes das cousas, son a identidade simbólica, emocional, cultural e histórica dun país e das persoas e iso debe ser respectado", considera.


"A forma oficial, a forma patrimonial e a forma tradicional é Sanxenxo e iso non o imos a discutir", resolve o académico e alude ao Estatuto de Autonomía, onde se sinala que a toponimia galega é unha responsabilidade do Goberno de Galicia.


Segundo Freixanes, recuperar a toponimia é "recuperar a identidade e a memoria histórica dun país" e o mesmo ocorre cando se homenaxea a unha determinada personalidade, como acontece este ano co escritor Francisco Fernández del Riego, a quen a RAG rende tributo polo Día das Letras Galegas.


"Eu defínoo sempre como un activista, como un home de acción", declara Freixanes, que apunta a "todos os riscos" e "á enorme xenerosidade" coa que Fernández del Riego "entregou toda a súa vida e o seu traballo á causa da lingua, á cultura galega e ao galeguismo".


"Sen Paco del Riego sería moi difícil entender o que somos agora", zanxa. 

Freixanes: O galego ten diante dous retos, o uso en tecnoloxías e a transmisión xeracional

Te puede interesar