O Concello de Cee pechará este fin de semana a programación arredor das Letras Galegas con teatro. O auditorio Baldomero Cores da Casa de Cultura acolle o sábado o espectáculo “O soño dos vagalumes”, da man do grupo de teatro de Nais e Pais da Universidade Laboral de Ourense. A función, recomendada para maiores de 12 anos, comezará ás 21.00.
Baixo a dirección de Ángeles Álvarez, participan ata vinte actores e actrices. A obra inspírase na vida das coñecidas Marías de Santiago de Compostela, Maruxa e Coralia Fandiño, dúas irmás que sufriron a represión franquista. A partir da súa historia, asistiremos a outras vivencias similares sufridas por mulleres nun exercicio de xustiza e memoria histórica.
Por outra banda, na Casa de Cultura aínda se pode visitar a exposición “Pegadas no tempo”, unha retrospectiva da artista Isabel Soutullo. Membro do grupo pictórico Galeoska, nesta exposición, Isabel bota a vista atrás e presenta unha variada obra. Pode visitarse ata o día 30 de maio.
Durante a pasada fin de semana celebráronse os actos centrais das Letras Galegas co concerto da Escola de Música de Cee e a presentación do libro do artista e mariñeiro Xosé Iglesias, que leva por título “Nao cetácea”.