O Concello de Cee continúa cos actos conmemorativos das Letras Galegas, con dúas citas nesta xornada. O alumnado de Primaria poderá gozar co espectáculo “Dende Rosalía ata as cantareiras”, de A Xanela do Maxín, o que supón a posta en valor das mulleres homenaxeadas neste día ao longo dos anos. Mulleres que deixaron unha pegada imborrable na literatura e no teatro galegos como Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luisa Villata e as propias cantareiras homenaxeadas este ano.
Despois da función (11.30 horas) entregaranse os premios dos concursos de Achegamento ao Libro e Na procura no noso marcapáxinas. Será unha edición especial, xa que tras máis de tres décadas non estará o seu creador, José Ramón Rey Senra, Mon, falecido recentemente.
O sábado a Casa da Cultura acollerá a presentación de “Nao cetácea” (19.30 horas) do autor local Xosé Iglesias, con prólogo de Francisco Fernández Naval e un poema de Manuel Rivas. A nova obra deste ceense é unha nova declaración de amor polas baleas.
O mesmo día ás 21.00 horas celébrase o Concerto das Letras, onde a Banda de Música de Cee contará con diferentes colaboracións, dende a soprano Gemma Román ata bailaríns, pandeireteiras, gaiteiros ou a Coral Polifónica da Costa da Morte, entre outras.