O programa cultural das Letras colle forza cara á fin de semana na Costa da Morte

O programa cultural das Letras colle forza cara á fin de semana na Costa da Morte
Magín Blanco pechou este xoves en Caión o programa das Letras da Laracha | Marema

O programa cultural das Letras Galegas comeza este venres a coller forza cara á fin de semana. En Carballo haberá unha dobre cita no Pazo da Cultura: ás 19 horas é a presentación do manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais, un proxecto impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), coa colaboración da Deputación da Coruña, co obxectivo, segundo explican, de “dotar ao colectivo de profesionais da xestión cultural de pautas para desenvolver proxectos que atendan á lexislación vixente e aos elementos chave da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable”. 


No acto de presentación estarán o deputado responsable de Cultura na Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo; a autora do manual, Clara Rodríguez e Marcos Trigo, concelleiro de Cultura de Carballo. Tamén no Pazo ás 20 horas será a proxección do documental “A poeta analfabeta”, dentro do ciclo Mestre Mateo. 


En Malpica, inaugúrase ás 19 horas no Centro Cívico a exposición “Carrexadoras” da artista muxiá Viki Rivadulla, na que mestura acrílico con canvas nunha serie de cadros que mostran ás mulleres da terra e que poderá visitarse ata o 30 de maio.


A maiores. Lucinda Rey presentará na Casa da Cultura de Cee o libro “Ayúdate que te ayudaré” (20.30 horas) e en Corcubión haberá teatro para nenos na Escola Infantil ás 11 horas co espectáculo “O Apalpador e a nena sen medo” de A xanela do maxín, e tamén teatro para adultos á noite, con Cándido Pazó na Casa da Cultura (20 horas) co seu espectáculo “Botando a lingua a pastar”. En Cabana retómase o programa cultura co contacontos “Filipa cos contos no 2023” de Bandullo Azul na biblioteca municipal (18 horas).


PHOTO 2022 05 19 12 19 38 3 73732.77

Inauguración da exposición dos 50 anos da Casa de Rosalía, este xoves en Cee | Cedida


Inauguración en Cee

Este xoves tivo lugar unha das actividades centrais do programa das Letras Galegas de Cee: a inauguración na Praza da Constitución da exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía” na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.


A mostra, que se pode visitar ata o 31 de maio, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Á inauguración acudiron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Emilia Trillo, concelleira de Igualdade de Cee; e María Muíño, deputada da Deputación da Coruña, que financia esta itinerancia. Ademais, na Laracha pechou o programa das Letras en Caión con Magín Blanco.

O programa cultural das Letras colle forza cara á fin de semana na Costa da Morte

Te puede interesar