A Costa da Morte presume de lingua e de cultura polo Día das Letras

A Costa da Morte presume de lingua e de cultura polo Día das Letras
Concerto das Letras da Banda municipal de Música de Carballo, no mercado municipal | Marema

A Costa da Morte celebrou este martes o Día das Letras Galegas presumindo de lingua e de cultura. A música, o teatro, e os debuxos centraron o programa cultural na maioría dos concellos, mentres que noutras localidades, como en Malpica, tamén aproveitaron a festa da lingua para inaugurar a nova sala “Non canto por cantar” no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños), de Buño cunha exposición sobre a tradicional inmaterial galega. 


A mostra reúne imaxes gráficas e documentación que percorren a historia da música e baile tradicional de Galicia e que aínda se mantén viva a través das actuacións dos mozos. No acto fíxose entrega dun agasallo a Mar de Bouzas en recoñecemento ao seu compromiso e traballo para a realización da mostra. O acto contou coa participación e actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía que interpretarán pezas de Malpica. 


A inauguración da nova sala en Buño serviu tamén para render homenaxe a Luís Cancela Veciño, primeiro alcalde da democracia en Malpica, que faleceu este martes. O rexedor Eduardo Parga lembrou a Cancela como “un home que fixo moito polo Concello, aínda lembro que foi o responsable de instalar o primeiro alumeado público de Malpica”.


Seguen os actos


As actividades polo Día das Letras seguirán este mércores en varios municipios. En Carballo, o Pazo da Cultura acolle ás 12 horas a festa do Correlingua, coa actuación de Mekánika Rolling Band e Fran Rei. Na festa participarán arredor de 300 alumnos e profesores procedentes dos  IES Agra de Leborís (A Laracha) e A Pastoriza (Arteixo) e tamén dos colexios carballeses A Cristina e  Xesús San Luís Romero. Antes de que comece o concerto, intervirá a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo.


Na tarde (ás 17 e 18.30 horas), Os ratos de lonxedetodo representarán na biblioteca Rego da Balsa o contacontos “ Avós”.  Tamén haberá un contacontos na biblioteca de Paiosaco (A Laracha), a partir das seis da tarde: ”Rosa Caramelo e outras historias”, de Talía Teatro. En Camariñas, terá lugar ás 11 horas na biblioteca municipal o espectáculo musical infantil (para nenos de ata tres anos) “A formiga na barriga” de Charo Pita. 


Na Casa da Cultura de Cee haberá unha dobre cita: ás once da mañá será o espectáculo infantil “ Bibliodiscoteca” de María Faltri e ás 20 horas a sala de conferencias acollerá a presentación do libro “Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta non exilio mexicano” de Miro Villar. 

A Costa da Morte presume de lingua e de cultura polo Día das Letras

Te puede interesar