A literatura ten o seu espazo este fin de semana en Baio (Zas), cunha intensa actividade na xornada deste sábado, e espérase una situación similar na de hoxe en Baio ten as Letras. Este sábado abriuse a Feira das Letras na carpa da Praza Jorge Mira, na que participan librerías e postos de artesanía, ademais de haber diferentes presentacións literarias.
A primeira foi “Cantareiras”, de Icía e Xosé Manuel Varela, cun recorrido polo legado da música e da tradición popular, protagonista das Letras Galegas deste ano. Á presentación acudiu o alcalde, Manuel Muíño, quen convidou a participar nas distintas actividades, convencido do éxito desta nova proposta, onde a literatura se mestura coas tapas da hostelería e a animación comercial.
As publicacións de autores locais son protagonistas estes días e onte tamén se presentaron “Homes e mulleres de sal e ferro”, de Xesús Búa, e “Poemas”, de Julia Ures. Hoxe será o turno de “IA para a sociedade”, de Fina Paulos e Óscar Rey; e as obras infantís “El libro de los abrazos, de Cristina Vázquez del Prisco; e “Un viaje por el espacio”, de Águeda Antelo.
Esta mañá haberá unha andaina polo Carreiro do Río, ademais de animación musical, actividades para os nenos e varios pases do mago Antón. Ao mesmo tempo, os seis establecementos servirán os seus respectivos pratos na ruta de tapas, cun grande éxito dende a primeira xornada.