A Carballeira cumpre 40 anos cunha aposta 100% femenina e en galego

A Carballeira cumpre 40 anos cunha aposta 100% femenina e en galego
Fidel Otero, Loreto Rodríguez, Manuel Muíño, Natividad González, Sés e Mercedes Peón no acto de presentación do festival, onte na Coruña | pedro puig

A cervexería Estrella Galicia da Coruña acolleu este mércores o acto de presentación do cartel da 40ª edición da Carballeira de Zas. 

 

O festival, todo un referente a nivel nacional, celebrarase os vindeiros 8 e 9 de agosto.


A presentación fíxose da man do alcalde de Zas, Manuel Muíño, que declarou que a organización “supérase ano tras ano, só hai que ver as artistas que participarán na Carballeira desta edición para saber que é un dos festivais de referencia en Galicia”, comentando tamén que esta festa “debería existir por lei pola súa repercusión”.

 

 Tamén dotou de valor aos centos de voluntarios que axudan a que todo saia perfecto. 


A deputada de Cultura da Deputación de A Coruña, Natividade González, quixo recalcar o esforzo e traballo das persoas que poñen o corazón e a alma en que vaia adiante o festival. 

 

Declarou que dende a área de Cultura “gústanos apostar economicamente para axudar a estes festivais, pero sempre da man da organización para crear esa riqueza cultural”, e calificou a cita como “referente para toda Galicia”.


Loreto Rodríguez Fuentes, responsable de Earned Media en Estrella Galicia, foi a seguinte en intervir. Comezou agradecendo a organización por contar un ano máis con eles. 

 

Comentou que “sentímonos moi ligados ao espírito do festival, xa que compartimos valores como cultura, tradición, música en directo, gastronomía, poñendo en valor o noso patrimonio cultural” e engadindo que “a participación deste ano é 100% ao talento feminino e dedicado, como o Día das Letras Galegas, as cantareiras”.


A quenda chegou ao director do Festival, Fidel Otero, que comezou dando as grazas as institucións e marcas implicadas. 

 

Destacou que “cando pensabamos neste 40ª aniversario, chegamos a conclusión de que o mellor era que fose unha edición 100% en galego e, aproveitando que é o ano das cantareiras, cunha edición tamén 100% feminina”.  

 

En relación aos artistas deste ano, mencionou que “o talento feminino musicalmente en galego hai a raudales”, comentando as actuacións e actividades dos grupos e cantantes que pasarán por Zas os días 8 e 9 de agosto.


Ademais, a cantante Sés, María Xosé Silvar, unha das artistas confirmadas para esta edición, participou na presentación apoiando a directiva do evento. 

 

Quixo recalcar que “apostar por festivais boutique é o correcto” e engadiu que o da Carballeira de Zas “é creador de grupos e de música en galego, sen este festival eu non estaría aquí”.


Pola súa banda, Mercedes Peón, tamén presente no cartel, quixo participar na presentación cunhas palabras de complicidade e entusiasmo, subliñando que a Carballeira “é un dos lugares de resistencia a través do pracer da música e onde nace a música da autoestima cultural“.

 

O programa


Patrocinada un ano máis por Estrella Galicia e a Deputación da Coruña, a programación arrincará o venres día 8 de agosto con Catuxa Salom, gañadora do premio Martín Códax no 2024, na categoría “Musicas do Mundo e Mestizaxe”. 


Continuará o grupo musical Tanxugueiras, formado por Áida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, que adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida.

 

Pechará as actuacións do venres o grupo Agoraphobia, pisando forte con dous singles que están redefinindo as regras do xogo: “Eyes Never Lie” e “Fuck You Tony”. 


O sábado, desde primeira hora, a música e a festa serán protagonistas cunha oferta para todos os públicos. A xornada empezará coa banda de música infantil Uxía Lambona, que recupera os clásicos populares galegos cun estilo propio e contemporáneo. 


A continuación, A Banda da Loba traerá a súa proposta artística na que se entrelazan música, poesía e reivindicación con forza e sensibilidade.


Non faltará a xa tradicional mexilloada popular de balde, acompañada dunha oferta variada de gastronomía, mercado artesán, zona infantil e sesión vermú.


Pola tarde terá lugar a Gran Foliada da Carballeira, da man de Chorima, Gaiteiras de Xiradela, Pandereteiras de Raigañas, Gaiteiras de Buxantes, As Lerchas e Xela Cantareira.


O proxecto musical Carmela pechará a tarde mostrando o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e a percusión de man como elementos definitorios. 


Cando chegue a noite, os concertos seguirán no escenario Estrella Galicia da man do grupo Caamaño Ameixeiras; pasando o turno á compositora, vocalista e multiinstrumentalista galega Mercedes Peón; a cantante Sés e pechará Señora DJ, quen aposta por visibilizar a mulleres compositoras, discursos feministas e pro-LGTBQ+, sen esquecer a música feita en galego. 

 

As entrada xa están á venda

 

A venda de entradas online xa está aberta, e a día de hoxe centos de persoas xa se fixeron cos seus abonos para a festa, dos cales os máis rápidos conseguiron un prezo mellor gracias a oferta especial de lanzamento con abonos para os dous días a un prezo de 15 euros, máis  gastos de xestión. 

 

A venda online pódense a atopar na páxina oficial da festa, no seguinte enlace https://www.festadacarballeira.com/ e tamén nas propias redes sociais da Carballeira: Facebook, Instagram e X. 

 

O prezo regular no caso de abono de día individual é de 10 euros, máis gastos de xestión, 
mentres que o abono para os dous días costa 18 euros, máis gastos de xestión. 

 

A venda online de entradas estará aberta ata o día 8 de agosto ás 20:00 horas. A partir deste momento as entradas poderanse comprar en taquilla, onde os prezos serán de 15 euros a entrada para un só día, ou de 25 euros de coller o abono para os dous días.

 

Zona de acampada

 

Como é habitual e como se leva facendo en anteriores edicións, todos aqueles asistentes que queiran acampar en Zas durante os días da festa, contarán con zona de acampada gratuita. 

 

Este servizo estará emprazado a moi poucos metros de distancia do recinto no que se levarán a cabo as distintas actuacións. 

 

Os campistas tamén disporán de baños e duchas. 

A Carballeira cumpre 40 anos cunha aposta 100% femenina e en galego

Te puede interesar