O próximo venres 06 de xuño, ás 20 horas, terá lugar, na libraría Ler de Santa Comba, a presentación do libro "Cando marchan as luces", de Amalia Blanco. Acompañando a autora, estarán Laura Veiga, xornalista e sexóloga; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
A escritora afonda na fraxilidade de existir, na loita invisible entre a mente e o corpo, nunha espiral de ecos que non calan. Non é un estudo nin unha análise, só a deriva dun pensamento que se enlea en si mesmo, ancorado entre a memoria e o esquecemento.
Amalia Blanco naciu en Santa Comba o 8 de setembro de 2006. Dende pequena escribe,influída por unha máquina de escribir suíza de seus pais. Ao longo dos anos, recibiu varios recoñecementos literarios, tanto en poesía (Premio Minerva e Premio de poesía Francisco Añón) como en narrativa, entre eles o Premio Camilo José Cela.
En 2024 participou nunha residencia literaria autodirixida xunto cos outros galardoados no Premio Minerva do colexio Manuel Peleteiro. A súa obra adoita afondar no intimismo, explorando temas como o amor, a morte e as doenzas mentais.