O Festiletras volve ao Couto o 23 e 24 de agosto

O Festiletras volve ao Couto o 23 e 24 de agosto
Xabier Díaz no Festiletras o pasado 17 de maio I AEC

A aldea do Couto, en Ponteceso, prepárase para unha nova edición do Festiletras, que chega a súa edición número 43 a fin de semana do 23 e 24 de agosto. O festival literario, artístico e comunitario máis singular de Galicia, demostrará que a aldea está máis viva que nunca, tal como indican os seus organizadores, nunha clara aposta pola revitalización deste lugar. 


A organización, a Fundación Pondal, insiste en que o Festiletras é moito máis que un evento cultural. “É unha celebración da lingua, da identidade e do compromiso dunha comunidade que converte unha pequena aldea nun epicentro de creación, resistencia e festa”, subliña, ao tempo que alude á implicación dos veciños para que o evento siga sendo un éxito en cada edición. “Facendo deste encontro un referente único que vai alén das fronteiras”, engade. 


O evento comezará o sábado 23 coa 43 Feira de Artesanía nos cabanotes da aldea, xunto ao X Encontro de Aldeas Singulares na Eira da Cantexa e actividades infantís no Quinteiro, como os obradoiros “Miudiño” e a instalación “Artesáns do vento”, de Luís Pena Río. Seguirá a festa cos “pasacabanotes” da Requinta de Lampai e o roteiro teatralizado con Suso Martínez (11:30). Ás 12:00, o público poderá gozar de Vero Rilo, Anxo Moure, e do Alalá do mar no eira de Xan da Vella. A música continúa con Eris Mackencie (13:00) e De Ninghures na Eira da Fundación (14.30).

 

Espectáculos familiares


As actividades continúan pola tarde, onde destacan Willow GHZ, Carlos Blanco e Rompecinturas Selector na Eira de Pontedona e na Eira de Pailetes; Palestra de Séchu Sende: “O povo improvisador” na Eira da Cantexa; espectáculos para público familiar con Migallas e Pulpiño de Viascón na rúa Travesa e novo “pasacabanotes” cos Faíscas da Pontraga. Á noite chega unha actuación estelar, o trío Caamaño & Ameixeiras, Dulzaro e os  Zetak (21.30 horas) na Eira da Fundación. 


A actividade frenética volverá o domingo dende primeira hora á aldea do Couto. Haberá feira de  artesanía, contos de Gloria Mosquera na Eira da Cantexa, e xogos e animación no Quinteiro con Anxo Moure.
Os Farrapos estarán no “pasacabanotes” e Pablo Carpintero en Xan da Vella (11:30). Media hora despois chegará a actuación de Paco Nogueiras con “Brinca Vai!” na rúa Travesa e concerto de  Abril na Eira de Pailetes (13:00). 


A música e os contacontos encherán de novo a tarde festiva. Ortiga actuará na Eira da Fundación(14:30), seguirá Escuchando Elefantes na Eira de Pontedona (16:00), contacontos con Vero Rilo na rúa Travesa e espectáculo de Xosé Manuel e Icía Varela na Eira da Cantexa para rematar con “pasacabanotes” de Donaire e Vanessa Rivas subida aos zancos.


Fran Sieira presentará “Ceibe” no Quinteiro (20.00) e haberá Karaoke con Esteban na Eira de Pailetes. A noite porán o peche ao certame as actuacións de Boyanka Kostova e Baiuca na Eira da Fundación (21:00), fusionando tradición e vangarda. Exposición de redeiras, gastronomía, “leiring” e documentais completan a oferta durante a fin de semana.


“Festiletras 2025 non é só un festival: é unha experiencia viva que se renova co alento colectivo dunha comunidade. Na aldea do Couto, cada verán, a cultura fai milagre”, subliña a Fundación. 

O Festiletras volve ao Couto o 23 e 24 de agosto

Te puede interesar