O Maio das Letras chega a Muxía cun mes enteiro de programación cultural para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano estarán adicadas á poesía oral e ás cantareiras. Este ano a celebración será moi especial para Muxía, xa que entre as homenaxeadas atópase a muxiá Eva Castiñeira. Por iso, Muxía Cultural ten preparado unha programación que dará comezo este sábado e se alongará ata o 24 de maio, con concertos, espectáculos, encontros e unha homenaxe á cantareira da terra.
Os actos comezarán este sábado co espectáculo musical 'Axudádeme a cantar' de Felisa Segade e Montse Rivera (cofundadoras de Leilía). Será ás 20.00 horas no Salón do Voluntariado. O día 10 Muxía acollerá a mesa redonda ‘De Eva ás vellas de Mens’, e as presentacións dos libros ‘Cantareiras’, de Xosé Manuel Varela e Icía Varela; e ‘As Vellas de Mens’, de Xosé Manuel Fernández Pensado. Será ás 19:00 horas no Salón do Voluntariado. O 11 maio será a palestra con Xabier Díaz ‘Metendo as mans na terra’. Ás 12:00 horas no Salón do Voluntariado.
O propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, farase a Ruta Abentiana por Muxía coa fundación López Abente. Sairá ás 11:00 horas do monumento de Gonzalo L. Abente, na Cruz. Á tardiña celebrarse o Serán das Letras. Comezará ás 18:00 horas no Cabo da Vila, e participarán: Coral Virxe da Barca, Coro tradicional Xacarandaina, Abaladeiras Muxía, e Pandeireta Xacarandaina. Ao remate, haberá foliada libre.
O 18 de maio a celebración trasladarase á aldea da cantareira Eva Castiñeira, Agranzón, onde se lle realizará unha homenaxe. Será ás 12:00 horas e participarán as Abaladeiras. A programación terminará o 24 de maio co concerto de Antía Muíño. Ás 20:00 horas no Salón do Voluntariado.
Todos os eventos son de acceso libre até completar aforo.