As vacacións de verán na educación galega volverán a empregarse para realizar melloras nos centros escolares da comunidade de forma que, durante os próximos meses, realizaranse actuacións en 300 centros, con intervencións que ascenderán a 106 millóns de euros.
Así o detallou este luns tras a reunión do Consello da Xunta o presidente galego, Alfonso Rueda, que sinalou que estes datos apuntan que se realizarán traballos de mellora nun de cada cinco centros públicos de Galicia, tanto grandes intervencións como outras obras de mediana e pequena envergadura “tamén necesarias”, puntualizou. A intención da Xunta de Galicia é “ter a punto os centros de fronte ao próximo curso”, subliñou Rueda.
O mandatario autonómico explicou que respecto aos proxectos de reforma de “gran envergadura” serán 83 obras que contarán cun investimento de máis de 103 millóns de euros. Entre elas, realizaranse obras de ampliación, rehabilitación ou cambio de cuberta tanto en centros educativos tanto das cidades como de zonas rurais que abarcan distintas etapas educativas, desde as escolas de Infantil ata a Formación Profesional, así como os niveis obrigatorios.
Delas, 31 corresponden á provincia da Coruña, doce á de Lugo, oito á de Ourense e 32 á de Pontevedra. Xunto ás grandes obras, cuxo prazo de execución excede pola dimensión os meses de verán pero que se intensifican nesta época estival, están tamén as actuacións de mediana e pequena envergadura, “moi necesarias para o funcionamento do día a día dos centros e moi apreciadas pola comunidade escolar”. Neste caso, a Consellería de Educación previu un paquete de 227 obras en 194 centros por case 3,2 millóns de euros.
De forma paralela, a Xunta de Galicia tamén autorizou a construción do novo IES Domingo Villar, en Vigo, por valor de 19 millóns. Noutra orde de cousas, a reunión da Xunta aprobou tamén a convocatoria de once novas bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades para levar a cabo traballos relacionados coa lingua galega.
Así mesmo, o Consello aprobou o inicio da tramitación para actualizar o plan galego de cartografía e información xeográfica co obxectivo de poñer a disposición das administracións públicas, das empresas e da cidadanía, “datos espaciais homoxéneos, coherentes, accesibles e de calidade”, subliñou Rueda.
Segundo o mandatario autonómico, esta nova planificación será unha ferramenta básica para calquera iniciativa con base ou incidencia sobre o territorio, como pode ser o urbanismo, as infraestruturas, a ordenación do litoral ou a xestión agrícola, forestal e ambiental.
Por outra banda, a Xunta tamen deu este luns luz verde onte ao Bono Peixe, unha axuda de 50 euros para a compra de peixe e marisco, que estará dispoñible desde o 28 de xullo. Así, dáse cumprimento a un dos anuncios de Alfonso Rueda no Debate do Estado da Autonomía que busca incentivar o consumo dos produtos do mar nun momento complicado para o sector.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou o funcionamento do bono ao que se poderán adherir, desde o 11 de xullo, os establecementos que cumpran requisitos como o desenvolvemento da súa actividade en Galicia ou estar dados de alta como autónomos ou empresas do sector.