A Xunta inviste 870.000 euros no sector escénico galego para a producción de 30 novos espectáculos

A Xunta inviste 870.000 euros no sector escénico galego para a producción de 30 novos espectáculos
Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de resolver a concesión de 870.000 euros a 25 compañías galegas de artes escénicas a través da súa liña anual de subvencións á creación neste ámbito. O investimento destínase integramente a cofinanciar a produción de 30 novos espectáculos, dos que 19 son montaxes teatrais, sete de danza e catro de circo.


Unha das novidades na convocatoria deste ano é o incremento nun 8,7% da súa dotación respecto a 2024, que redunda nun reforzo da modalidade destinada a proxectos plurianuais de compañías que contan xa cunha traxectoria consolidada. Desta volta, son tres as formacións que recibirán 100.000 euros en cada caso para garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027: Redrum Teatro, cos espectáculos Caídas, sobre o aínda vixente control social do comportamento feminino, e Nas nubes, unha comedia “distópica” sobre impacto da tecnoloxía nas nosas vidas a partir da obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o premio Barriga Verde de textos para monicreques convocado pola Xunta; Talía Teatro, coa sátira política Artur Ui e a reivindicación dos xogos populares en Mariola, e a compañía de circo contemporáneo Pistacatro coas propostas Alto voltaxe, Novos horizontes, Variedades Pistacatro e Mímica Maestro.


Novas compañías xunto a nomes consolidados

Na listaxe de espectáculos teatrais, atópanse outros 15 títulos subvencionados, dos que dous corresponden á modalidade de compañías de recente creación: o monólogo multidisciplinar Brazaletes, de Amorodio Teatro, e A cámara escura, de Vórtice Escénico.


Destacan tamén nesta relación nomes tan coñecidos como ButacaZero, en coprodución con Barrosanta para levar a escena Xoguetes rotos, a partir da obra de Carolina Román; De Ste Xeito Producciones con Señores que din, sobre as novas masculinidades e as súas dinámicas; Ibuprofeno Teatro, cunha reflexión metafórica sobre as crises actuais, como a climática e a ecolóxica, en Bioconstrución; Mofa e Befa, con Os dous de sempre. O regreso; Os Náufrafos Teatro, que pon o foco sobre a violencia e o odio á diferenza en Riazor Ostia; Sarabela Teatro coa súa versión de A metamorfose de Kafka, e Teatro do Noroeste coa peza de autoficción Manual de patronaxe.


Completan o apartado teatral seis espectáculos para público familiar, entre os que se atopan os musicais O libro da selva, de Ártika Cía, Bibopalula, de Ainé, e as propostas de monicreques de diferentes tipos e formatos O monstro de cores, de A Xanela do Maxín; Desxeo, de Nauta Teatro; Unha de medo, de Teatro Escena, e Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco, de Títeres Cachirulo.


Sete espectáculos de danza

En canto ás sete propostas coreográficas apoiadas este ano, tres corresponden á modalidade de compañías de nova creación: Velaiquich, amooorch!, que Colectivo D’elas acaba de estrear no marco do festival Escenas do Cambio; Nortear, de Helena Salgueiro, e Unha non ten nome ata que o lembra, de Myriam González. Na modalidade específica para danza e artes do movemento, as beneficiarias son Furia Sotelo con Suite 25, Laboratorio Escénico con Monte-versión estendida, Teatro Ensalle con Primus Inter Partes e VACAburra con Familia Nijinska, que se presenta mañá mesmo na Cidade da Cultura de Galicia dentro da programación do devandito festival organizado pola Xunta.


A convocatoria para creación escénica é a principal das liñas de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector profesional das artes escénicas, que en 2025 tamén conta, entre outros apoios, coas convocatorias de axudas para a programación das salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño.

A Xunta inviste 870.000 euros no sector escénico galego para a producción de 30 novos espectáculos

Te puede interesar