O BNG da Costa da Morte celebrou un acto público no faro Fisterra con motivo do Día da Patria Galega. O encontro, conducido pola voceira municipal do BNG en Fisterra, Tereixa Fernández, reuniu varias ducias de persoas nun lugar cargado de simbolismo para a organización nacionalista. Entre os asistentes estaban representantes comarcais da formación, cargos municipais e os alcaldes do BNG de Zas e Corcubión, así como a alcaldesa de Fisterra.
No peche do acto foi despregada unha bandeira galega de grandes dimensións, e os participantes entoaron o himno galego como mostra de orgullo nacional. A convocatoria serviu tamén como chamada á participación na manifestación nacional do 25 de xullo en Santiago de Compostela, que como cada ano organiza o BNG.
Durante a súa intervención, o responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, centrou a súa crítica na falta de planificación territorial e de investimentos públicos na Costa da Morte. Denunciou a situación da autovía da zona, que cualificou como “un proxecto que remata en ningures”, deixando fóra numerosas vilas e xenerando problemas de tráfico ao executarse “a retais”. Para Rodríguez, esta deficiencia en infraestruturas impide á veciñanza desenvolver a súa vida nos seus propios concellos, agravada pola falta dun transporte público eficiente e por anos de desatención tanto por parte da Xunta como do Goberno central.
O representante comarcal fixo fincapé na situación da sanidade pública, asegurando que a comarca sofre unha deterioración progresiva dos servizos, con centros sen pediatra, listas de espera prolongadas, urxencias saturadas e unha atención primaria que cualificou de “na UCI”. Tamén advertiu das consecuencias do despoboamento das aldeas, convertido xa nun problema estrutural que deriva, segundo dixo, en fenómenos como a turistificación das vilas. Esta situación, afirmou, tradúcese no aumento dos prezos do alugueiro e das vivendas, complicando o acceso á vivenda para a poboación local.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en valor o traballo político da súa formación fronte ao bipartidismo estatal, que segundo dixo, está marcado por casos de corrupción e por unha crecente desafección cidadá. Rego defendeu que o BNG representa unha alternativa sólida e con futuro para Galiza, baseada no “traballo honrado, incansábel e desinteresado” dos seus cargos públicos, e recordou que a formación nacionalista mantén unha traxectoria limpa durante os seus máis de corenta anos de historia.
O deputado nacionalista tamén se referiu ao papel do BNG na política estatal, asegurando que “só as forzas soberanistas están a conseguir avances sociais no Estado” e que, no caso galego, “só o BNG logra conquistas reais para o País”. En relación ao acordo de investidura co Goberno central, Rego subliñou que o BNG “nunca favorecerá un Goberno da dereita ultra e da ultra dereita”, pero advertiu que non ofrecerán apoio sen esixencias. Afirmou que a súa formación “estará vixiante” para garantir que se cumpran os compromisos asinados.
No contexto da campaña previa ao Día da Patria, Rego reivindicou a capacidade do BNG para seguir medrando e asumir novos retos, como gobernar máis concellos e mesmo aspirar á Presidencia da Xunta. En palabras do deputado, o obxectivo do BNG é construír “unha Galiza libre e soberana, que aproveite todas as súas potencialidades e garanta a calidade de vida e o benestar da súa xente”.