Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre estrean a Xota dos Cucos canda a malpicá Teresa dos Cucos

A malpicá Teresa Reigía Pose colabora no novo disco
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre estrean a Xota dos Cucos canda a malpicá Teresa dos Cucos
Teresa dos Cucos e Xabier Díaz no estudio de gravación

Unha mestra da memoria, así foi como a proclamaron e así é como deixa a súa pegada no novo disco de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre a malpicá Teresa Reigía Pose, 'Teresa dos Cucos'. 


Aló no ano 2009 coincidía con Xabier Díaz, xunto con outras mulleres de Malpica de Bergantiños, para facer unhas gravacións no estudo. Unhas gravacións que o músico e pandeireteiro gardou con agarimo "para algún día editar un disco; é un proxecto de vello que teño aí".


Foi nese momento no que a informante non pasou desapercibida e deixou sorprendido a Xabier pola súa calidade, pero tamén pola súa personalidade "moi extrovertida, unha muller ben divertida". Desde aquelas gravacións, o músico e a malpicá estiveron en contacto, pero non foi ata o ano 2023 cando ela compartiu escenario con el, xa que foi convidada ao concerto do Festiletras do Couto (Ponteceso).


"Encargueille un arranxo a Pedro Pascual da tan versionada “Xota dos Cucos” e, Teresa máis eu, interpretámola xuntos no Festiletras. Foi un momento cheo de emoción, con maxia, aquela interpretación desta peza tan coñecida que forma parte do imaxinario popular, do noso cancioneiro"; así o recorda Xabier Díaz quen quixo que esa emoción se sinta dalgún xeito no disco que proximamente verá a luz, "Axúdame a Sentir", coa incorporación desta versión da “Xota dos Cucos” no álbum.

 

 

 


"Teresa representa o folclore informal, nun álbum que recolle diferentes colaboracións", apunta Xabier Díaz, quen di con especial emoción que esta peza "quedará deste xeito como parte da memoria, grazas á capacidade que teñen os discos de fixar unha foto para sempre, unha foto cunha persoa á que quero e admiro moito”.


Chega así un adianto da peza, que vén acompañado dun videoclip que recolle as xornadas de gravación en Carballo con Teresa dos Cucos, unha das informantes de maior renome da nosa terra. Unha muller que segue cantando no lugar da Pontella, onde vive, e onde segue reivindicando que cantar o é “todo” para ela, porque como apunta “levoume idea toda a vida”. Conta con alegría e ilusión como recorda a gravacións con Xabier: “Unha experiencia marabillosa, igual que tamén marabilloso é Xabier”.

Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre estrean a Xota dos Cucos canda a malpicá Teresa dos Cucos

Te puede interesar