A Praza dos Libros, agora denominada Plic, comezou este xoves en Carballo e ata o domingo será un punto de encontro de “almas lectoras”, con “autoras valentes” que comparten as súas historias co público. A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, así o manifestaba durante o acto de apertura da “feira da creatividade de Carballo”, indicou.
Como ocorre en cada edición, os libros mistúranse nesta primeira xornada coa feira tradicional do xoves, e así volverá a coincidir o domingo. Unha mistura de “sabores e saberes construíndo comunidade”, nun escenario de encontros e festas populares, engadiu Pacoret, facendo un repaso polas actividades que encherán a praza durante os vindeiros días. Circo, maxia, música, regueifa, sinaturas de libros, xogos e obradoiros son algunhas das propostas ata o domingo.
“E se ler é un acto de amor, ler en galego é amar o que somos”, subliñou Pacoret, que destacou as “figuras relevantes da literatura do país” e os autores locais que pasarán pola feira.
A autora Marilar Aleixandre, que pasou de ser unha “bióloga apaixonada á voz das nosas letras” -dixo Pacoret- foi a encargada de dar o pregón, facendo un repaso poético por todos os autores carballeses, figuras destacadas ou feitos históricos, ademais de aludir á beleza da zona. Aleixandre non se esquenceu dos Mártires de Sofán, os coruñeses “paseados” que foron enterrados no cemiterio de Bértoa ou Ramón Figueroa, que “caeu no Campo da Rata”, entre outras figuras.
Tamén tivo palabras cara o alcalde, Evencio Ferrero, xa en ton máis lúdico, aludindo á sús condición lectora. “O noso alcalde, Evencio Ferrero, ten querenza polos libros, aínda así nos orzamentos ten que facer equilibrios”, dixo a autora, que rematou o seu discurso invitanto a ler a todo o mundo. “Dende o máis alto do mastro, chámovos a ler sen tregua; lede libros con paixón, capital de Bergantiños”, destacou.
O rexedor eloxiou o discurso poético da autora, cargado de “fondas mensaxes a feitos que nunca debían ter acontecido, persoas entre nós que agora non poden estar e incluso persoas que nos acompañaron moitos anos no cemiterio de Bértoa sen querer estar”. Ferrero tamén loou o formato da Plic e a súa ubicación no medio dunha feira tradicional onde os veciños veñen a mercar e vender os seus productos.
Ademais, mostrou o seu “orgullo” de que Carballo medre tanto en poboación como en libreiros, algo insólito nos tempos que corren e eloxiou a súa implicación na feira. Ferrero confía en que a Praza dos Libros sexa un ano máis “exemplo de compra dos libros do país, da cultura galega, das nosas raíces e tradicións”. “Que nunca falte un libro en galego”, dixo o rexedor, invitanto a gozar da feira. “Sexamos felices cun libro nas mans”, concluiu.
Ferrero agradeceu a colaboración de todos os que fan posible este evento, desde o persoal ata os patrocinadores, a Fundación Luis Calvo Sanz e Muebles Luís, que se suma nesta nova edición.
Na feira participan ocho librerías, das que seis son de Carballo: Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espazo Lector Nobel e Espiral Maior Foro. As outras dúas participantes son Á lus do candil (Arteixo) e A gata tola (Santiago). Ata o domingo todos os libros teñen un 10% de desconto. Onte tamén se obsequiou aos compradores cun paquete de atún Calvo e o domingo recibirán pan de Carballo.