O instituto ceense Agra de Raíces celebraba a tarde do sábado a segunda xornada de actividades arredor do 50 aniversario do centro, no que participaron varios exalumnos ilustres. Entre eles, a propia alcaldesa, Margot Lamela, o exministro Francisco Caamaño ou o doutor Paco Blanco, que compartiron os seus recordos e vivencias no centro educativo.
“A vila de Cee foi privilexiada no ámbito da educación desde as últimas décadas do século XIX”, destacaba a rexedora, ao tempo que revelaba que a ensinanza feminina estivo detrás da creación deste instituto. No curso 1974-1975 botaba a andar, cos estudios de Bacharelato e de Formación Profesional.
A alcaldesa lembrou a incorporación no curso seguinte do mestre Jesús Garea, o coñecido matemático que desenvolveu neste centro toda a súa carreira profesional, ocupando diferentes cargos directivos. Margot Lamela tivo palabras de recordo e agarimo para todo o persoal, docente e non docente, que pasou polo centro e que axudou no seu desenvolvemento ata a actualidade.
Tamén lembou o cadro de honra dos mellores expedientes do ano 1979, con ata sete alumnos que obtiveron matrícula de honra global: Francisco Javier Blanco García, Francisco Caamaño Domínguez, Jose Antonio Castiñeira Castro, María del Carmen Mosquera Castro, Maria del Carmen Mouzo Toba, Mercedes Sánchez Bello e María Purificación Trillo Blanco.
No curso seguinte a matrícula subiría ata os 448 alumnos “cunha evolución ascendente, solicitando xa en maio de 1978, pouco tempo despois da inauguración a ampliación das instalacións” con numerosas folgas e reclamacións ata que o Concello cedeu á Educación os terrenos que ocupa actualmente o centro.
“A realidade do centro actual en pouco se parece aos seus inicios, pero o que si se mantén intacta é a calidade humana, a ilusión e o esforzo educativo atendendo a actual realidade social, económica e cultural”, subliñou Lamela.
O director, Manuel Antelo Pazos, tamén tivo palabras de agradecemento para os seus antecesores e toda a comunidade educativa.