O Concello de Carballo e a comisión organizadora do Ano do Xestal deron a coñecer este sábado os principais actos que se levarán a cabo nos vindeiros días na capital de Bergantiños, onde a figura do Xestal permanecerá para sempre na memoria colectiva. A interpretación da súa canción máis popular, “Apaga o candil”, será un dos principais actos, coincidindo tamén coa programación das Letras Galegas.
Precisamente, antes da presentación, xa se puido escoitar una pequena representación deste himno popular, a cargo da Banda Municipal de Música. A presentación levouse a cabo na sala de ensaios da banda, no Conservatorio. A agrupación musical interpretará a mesma canción o día 17 de maio no Concerto das Letras, a partir das 13 horas na rúa Coruña, aínda que tamén haberá un importante repertorio de pezas de compositores galegos, tal como indicou onte o director da banda, Javier Bardanca.
Antes do Día das Letras Galegas, o luns 15, levarase a cabo outra das principais actividades, na que participarán1.645 nenos dos centros educativos Fogar, Bergantiños, San Luís Romero, A Cristina, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, CRA Ponte da Pedra e Aspaber. Os escolares interpretarán ao unísono “Apaga o candil”, no que pretende ser “o Apaga o candil máis grande da historia”, tal como destacan os seus promotores.
O acto será presentado por Xosé Ramón Gayoso e Xurxo Souto.
Ademais, o artista Joseba Murazábal pintará un mural coa imaxe do artista na escola de Bértoa.