O pavillón polideportivo do colexio Gándara-Sofán, de Carballo, converteuse este luns no Salón das Cereixas para render homenaxe á cantareira de Verdillo Consuelo Vázquez Souto, máis coñecida como Consuelo dos Queixos, falecida recentemente. Ela foi unhas das informantes e musa do artista Xabier Díaz, que onte exerceu como mestre de cerimonias no acto.
Consuelo dos Queixos foi quen inspirou un dos temas máis populares de Xabier, “O Salón das Cereixas”, que xurdiu despois dos seus contactos con esta muller na recollida dos cantos populares. Ao pé dunha cereixeira en Verdillo baixo a luz do candil celebrábanse antano os bailes e foliadas do lugar, de aí o nome do salón das cereixas.
Precisamente, para pechar o acto o artista coruñés e o alumnado cantaron e bailaron “O salón das Cereixas”, todo un himno da música tradicional e unha “humilde homenaxe” a Consuelo dos Queixos, tal como lembraron os participantes. Durante o acto proxectáronse videos da cantareira de Verdillo e dos escolares contando as súas vivencias e o seu amor pola música, que non abandonou a pesar de estar anos na emigración. Xabier Díaz tamén lembrou o día en que a propia Consuelo o levou ver o antigo salón de baile de Verdillo a carón da cereixeira, testigo de tantas foliadas e noites de baile.
Ademais do alumnado do centro, no acto participaron as Pandeireteiras de Vedillo, que Xabier Díaz definiu como as “herdeiras naturais” de Consuelo. “O legado de Consuelo está a bo recaudo”, destacou o artista.
No acto participaron familiares de Consuelo Vázquez, ademais da comunidade educativa e o alcalde de Carballo, entre outras persoas. A directora do centro agradeceu a colaboración do artista Xabier Díaz para este tributo, así como o traballo e esforzo do mestre de música Jorge e do acordeonista Álex por facer posible este acto. Tamén se entregaron detalles para as Pandeireteiras de Verdillo, que recibiron un exemplar do Cancioneiro Galego Serodio de Xabier Díaz; á familia de Consuelo, unha pandeireta; e unha figura dun gaiteiro para o artista. O acto serviu para pechar o programa das Letras Galegas.