O programa “Canta miña compañeira”, creado no Concello de Carballo para render homenaxe ás cantareiras e tocadoras co motivo das Letras Galegas está a piques de rematar, con novas actuacións onde a música é a principal protagonista. Nestas últimas citas destacan as Foliadas nos institutos no municipio carballés, coa colaboración dos grupos de cantareiras do Concello.
O principal obxectivo é achegar a tradición musical oral aos centros de ensino, neste ano no que se rendeu homenaxe ás cantareiras. A iniciativa está organizada pola Concellaría de Cultura coa colaboración da Asociación Cultural Nemeth e da Asociación Cultural Escola do Alprende.
A primeira cita é este mesmo xoves da man da Escola do Alpendre no instituto Monte Neme (10.00 horas). A mediodía a celebración trasládase ao Alfredo Brañas. A segunda cita será o vindeiro luns 26 de maio no IES Monte Neme con Nemeth, a partir das 16.00 horas.
O vindeiro 30 de maio a programación arredor das Letras rematará co Encontro Bergantiñán, unha cita organizada polos centros educativos para render homenaxe ás cantareiras a través da súa música e baile.
Será na Praza do Concello de Carballo co alumnado dos tres institutos do municipio e do Eduardo Pondal de Ponteceso. Na iniciativa colabora o Concello de Carballo.
Por outra banda, esta semana comezou a VII Semana da Música, sinal de identidade do IES Isidro Parga Pondal. Onte o alumnado de 1º e 2° Bacharelato de Música participou nun concerto didáctico para os centros de Primaria da zona, en colaboración coa orquestra, banda e ensamble do Conservatorio de Carballo.
Hoxe celébrase o concerto de todo o alumnado de Música do instituto no Pazo da Cultura.