Esgotadas as entradas do Concerto das Letras en Carballo

Esgotadas as entradas do Concerto das Letras en Carballo
Cantareiras de Carballo nun concerto no Pazo da Cultura

O Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG) que se celebra mañá en Carballo despertou un grande interese e mostra disto é que se esgotaron as entradas disponibles. Aínda que é gratuito, era necesario reservar as invitacións para controlar así o aforo. Será no Pazo da Cultura ás 20.30 horas. 


O concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada polo músico Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais. A cita pode seguirse en directo desde a web do CCG (https://consellodacultura.gal/) e o Día das Letras Galegas na G2 da TVG.
O evento arrinca coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50 enviado pola discográfica Columbia e, dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Séguelle unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro.


No programa destaca tamén o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás -as cantareiras de Cerceda homenaxeadas-, uno dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Tamén se escoitaran as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición.


Tamén se poderá escoitar o canto de canteiros de Faramontaos (Ourense), que nesta ocasión soará na voz de Tania; e dúas pezas de Cervantes cantadas a capela nas voces das tres integrantes de Bouba Pandeireteiras sen o acompañamento da banda.  Rematará con dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás. 


Mañá antes do concerto, ás 18.00 horas, tamén se inaugura nas Escolas do Xardín a exposición Letras Cantadas, dentro da programación do Concello de Carballo, na que se rende homenaxe ás cantareiras do municipio. Ademais, esta tarde (20.30 horas) poderase ver no Pazo “Fillas Bravas de Momán 2025”, do grupo Chévere, que forma parte da mesma programación. 

Esgotadas as entradas do Concerto das Letras en Carballo

Te puede interesar