O documental sobre o papel das cantareiras chega a Carballo

O documental sobre o papel das cantareiras chega a Carballo
Maruxa Suárez, esquerda, e Laura Varela, este venres presentan o documental I Mar Casal

A programación das Letras Galegas quere reivindicar en Carballo o papel das cantareiras e da súa música popular, o que se traduce en numerosos actos durante todo o mes. O pasado mércores arrincaban coa presentación do Cancioneiro Serodio de Xabier Díaz e este fin de semana hai unha intensa actividade. Como anticipo, onte chegaba á capital de Bergantiños o documental ‘Lévame a idea’, dirixido por Laura Varela, Icía Villares e Vanesa Siso. 


Con este traballo preténdese recoñecer ás mulleres creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega. Unha exaltación da música tradicional, que ten na comarca de Bergantiños un importante berce. O documental tamén trata temas fundamentais como a invisibilidade e infravaloración destas músicas e cantares desde unha perspectiva feminista e galeguista. 


Ao mesmo tempo afóndase na violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo que segue pesando sobre grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais. E ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, unha lingua fundamental para a nosa cultura. 


No filme atópanse voces e vivencias de moitas mulleres da comarca e de fóra, informantes, cantareiras, mestras... Teresa dos Cucos, de Cabana; a súa compañeira de canto Baselisa Romay, Carme de Tines, de Seaia (Malpica); Felisa Segade, piar de Leilía; Sés, Mercedes Peón, Felicidad Casás, Lupe Blanco, Lola López, Isolina Rodríguez, Xiana Lastra... Todas estas mulleres realizan un percorrido que abrangue desde a transmisión oral dos versos cantados ata a investigación, custodia e divulgación deste tesouro cultural nos eidos académico, artístico e comunitario. 

 

Historia colectiva de resistencia


Estas mulleres fían unha historia colectiva de resistencia, creatividade e amor polas raíces. “As mulleres que nos aprenderon o mundo cantando, cultura viva cun marcado carácter de pasado presente e futuro”, resume o documental producido por Navíos e Folerpas. A directora Laura Varela acudiu onte á presentación do traballo no Pazo da Cultura, acompañada da concelleira de Cultura, Maruxa Suarez. 
Dentro da programación cultural este venres tamén houbo unha foliada nos centros de maiores de Carballo, na residencia de Domus Vi e no centro da Praza de Vigo, con Coro Aires de Bergantiños. 


Hoxe celébrase a xornada ‘Vivan as do meu lugar’, un encontro no que se porá en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e da comarca de Bergantiños na conservación do patrimonio tradicional musical e oral. 
Empezará cun encontro do trío Alana, Mercedes Peón, Su Garrido Pombo e De Ninghures. Continuará unha sesión vermú con libros e pola tarde, mesa redonda con representantes das agrupacións do concello e música. 

O documental sobre o papel das cantareiras chega a Carballo

Te puede interesar