Carballo reivindica o seu espazo na tradición oral

Carballo reivindica o seu espazo na tradición oral
Cantareiras no concerto no Pazo da Cultura I Raúl López

 O Concello de Carballo está festexando as Letras Galegas por todo o alto cunha programación especial que empezaba o pasado mércores coa presentación do Cancioneiro Serodio de Xabier Díaz. A xornada ‘Vivan as do meu lugar’, que se celebrou este sábado, converteuse nun dos actos principais, onde se reivindicaba como capital da tradición oral e do mundo asociaciativo. Todos os participantes coincidiron en destacar o gran potencial de Carballo e de toda a comarca de Bergantiños como berce de grandes cantareiras e tocadoras. 


Manu Lucas, integrante de De Ninghures, que participou no encontro de artistas, referiuse a Bergantiños e a Fonsagrada como dous dos lugares máis importantes de Galicia neste ámbito. Manu Lucas, Mercedes Peón, Su Garrido Pombo e Eloy Vidal, do grupo Alana, compartiron as súas experiencias, desde as recollidas polas aldeas ata a saúde da música galega tradicional e o seu futuro. Porque  “o que se busca para poñer en valor o traballo das cantareiras é asumir que a música é algo vivo”,  subliñou a moderadora, Ana Díez. 

 

Vivan as do meu lugar 020 13653.56
Cantareiras no concerto no Pazo da Cultura I Raúl López


Mercedes Peón, investigadora, pandeireteira e compositora que conta cunha longa traxectoria, lembrou as súas orixes como “recolledora”, a súa incursión na música electrónica “sen beber de ninguna fonte, porque non había” e reivindicouse como “autora da autoestima cultural”. Tamén quixo poñer ao mesmo nivel as cantareiras e bailadoras, xa que, segundo dixo, “as cantareiras non son nada sen a xente que baila”. 


Aínda que os participantes no encontro destacaron o bo momento do que goza a música galega, a compositora Su Garrido Pombo alertou que “ás veces pecamos de optimismo” porque son moi poucas as persoas que poden vivir da música unicamente, estando a maioría nunha situación de precariedade. Neste punto relatou a súa propia experiencia persoal e as dificultades que tivo para levar a cabo o proxeto da súa aldea de Traspielas, un lugar cunha rica tradición oral, para que vise a luz. 


A este respecto, Mercedes Peón foi a máis contundente e advertiu da “galegofobia” que aínda impera nas administracións, o que está “violentando a cultura galega”. “Ata que non consigamos normalizar a cultura galega en todos os ámbitos, isto non vai mellorar”, matizou, ao tempo que aclaraba que Carballo é unha excepción neste aspecto. 

 

Vivan as do meu lugar 001 13552.48
Os artistas participantes na mesa redonda con Maruxa Suárez I Raúl López


Su Garrido coincidía en que “hai un ataque sistemático a todo o que ten que ver coa cultura galega”, chegando a un nivel de polarización total, xa que aínda sen pretendelo, todo se volve político.

 

‘Somos Pandeireteiras’


Despois do encontro de artistas tivo lugar a sesión vermú con libros coa presentación de ‘Somos Pandeireteiras’ e a colección Chave Mestra de Central Folque. Ramón Piñeiro fixo un repaso dende mediados do século XIX, cando comezaban as primeiras recollidas da tradición oral. Dende entón descoñécese o volume de temas gravados, segundo indicou o propio Piñeiro. Algúns falan de máis de 80.000. 

 

Vivan as do meu lugar 016 13641.75
Cantareiras no Pazo da Cultura I Raúl López 


Mercedes Peón, Selina Otero e Mar Suárez presentaron o libro ‘Somos Pandeireteiras’, que xurdiu a raíz dun encontro realizado en decembro do ano 2021 entre diferentes tocadoras. Mercedes Peón, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sánchez Arins e Selina Otero son as súas autoras.


No libro tamén se recolle a entrevista a dúas mulleres de Cambre, Ermitas e Carmen, que a xornalista Selina Otero lles fixo nesa xornada, conservando a variedade dialéctica que enriquece aínda máis o texto se cabe. 
“Bergantiños é un tesouro de pandeireteiras e tocadoras”, sinalou Mar Suárez, da asociación Raigañas de Cerqueda, aludindo de novo á riqueza da comarca no tradición oral, que se trata de conservar con iniciativas como esta. O días das Letras Galegas manterán un novo encontro en Santiago para afondar noutros temas.

 

Música para rematar

 

O tecido asociaciativo de Carballo no ámbito da música tradicional estivo presente nesta xornada, con representantes das asociacións locais Arume de Verdillo, Nemeth, San Campio de Cances, Escola do Alpendre e Aires de Bergantiños, nunha mesa redonda moderada pola pandeireteira Hadri Felpete.

 

IMG 20250503 WA0016
Mesa redonda das asociacións de música tradicional de Carballo

 

Aquí valorouse moi positivamente o momento que están viviendo as agrupacións, aínda que se pediu “non durmir nos laureis”, tal como resumía o concelleiro de Mocidade, Ramón Varela. Nexta xornada tamén se falou da colaboración entre as agrupacións, algo incipiente fronte á rivalidade que se vivía ata o de agora. O Concello tamén ofreceu a súa colaboración. Na xornada participou tamén o recolledor de música tradicional Miguel B. Lesta e rematou co concerto “Canta miña compañeira canta” das agrupacións locais. 
 

 

Carballo reivindica o seu espazo na tradición oral

Te puede interesar