A Praza do Concello de Carballo converteuse este venres nun novo tributo ás cantareiras, protagonistas das Letras Galegas deste ano. Os tres institutos do municipio, Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme, ademais do Eduardo Pondal de Ponteceso foron os encargados deste proxeto colaborativo, o Encontro Bergantiñán, e para iso contaron cunha cantareira da comarca, Teresa dos Cucos (Malpica), que subiu ao escenario para interpretar as súas pezas.
Alberto Liñares e Xurxo Souto actuaron de mestres de cerimonias e louvaron tanto a figura de Teresa como a doutras cantareiras por seren transmisoras da poesía popular. “Mulleres que acababan o día de traballo e acababan cantando”, tal como indicou Alberto Liñares.
Teresa dos Cucos lembraba como ela cantou dende sempre, sobre todo cando “iba coas vacas” cando era nova. E aínda que cando se adicou a labores de encofradora e albañilería deixou algo de lado, subliñou que “cantar sempre me levou idea” e así o segue facendo no día a día.
Xurxo Souto tamén destacaba a figura de Teresa, que a pesar de non adicarse ao mundo dos artistas, “é unha artista”. “Somos un pobo de artistas”, berraba Souto na praza carballesa. “Na revolución das pandeiretas, Carballo é o centro do mundo”, engadiu.
Teresa dos Cucos tamén animou aos estudiantes a cantar e bailar, aínda que sen deixar de lado os seus estudios. Logo bailaron todos xuntos a Muiñeira de Sofán, e ao escenario subían tocadoras e cantadoras. O acto rematou cunha foliada á que tamén se sumaron mestres e concelleiros.
O alcalde, Evencio Ferrero, alcalde, agradeceu o traballo de mozos e docentes e animounos a continuar coa tradición de cantar e bailar para conservar este legado, igual que a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez.