O grupo de teatro Chévere rendeu este xoves a súa paticular homenaxe ás mulleres pandeireteiras coa súa obra “As Fillas Bravas de Momán” en Carballo. A función, protagonizada por Patricia Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, converteuse nun verdadeiro espectáculo de música e canto tradicionais, una festa colectiva onde tampouco faltou o humor. Ademais, houbo linguaxe de signos para facela accesible a todo o mundo.
Esta tarde (18.00 horas) as Escolas do Xardín acollen a inauguración da exposición “Letras Cantadas”, coa que o Concello carballés quere lembrar ás cantareiras máis emblemáticas do municipio.
A programación arredor do 17 de maio culmina este venres co Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega. Comparsas, xotas, pasodobres e outros cantos tradicionais conforman un programa que homenaxea ás cantareiras e á literatura popular oral. Será unha ocasión única xa que o concerto correo a cargo de once artistas que forman Do Bertau, unha formación efémera creada expresamente para este concerto, que fusionará o legado tradicional cunha envoltura contemporánea. Será ás 20.30 horas.
As entradas están esgotadas pero pode seguirse en directo en streaming desde o web do CCG (consellodacultura.gal) e o Día das Letras Galegas na G2.