A Costa da Morte festexa as Letras Galegas cantando, como non podía ser doutra maneira. No ano en que se adica este día ás cantareiras e á poesía popular oral, personificado en sete mulleres da comarca, a música e o canto tradicional cobra máis sentido que nunca.
“Este ano as letras son cantadas e esta é a mellor forma de festexalas”. Así o resumía Belén Mato, presidenta da asociación Arume de Verdillo, na inauguración da exposición Letras Cantadas onte pola tarde nas Escolas do Xardín. Con esta mostra o Concello de Carballo quere render homenaxe a todas esas mulleres cantareiras do municipio, referentes dunha xeración que fixeron da voz un vehículo de memoria, identidade e resistencia.
Elas foron as encargadas de deixarnos un gran legado, que agora as novas xeracións teñen a obriga de seguir transmitindo para que non se perda esa riqueza. Nisto coincidiron os representantes das asociacións culturais presentes (Nemeth, Escola do Alpendre, Arume, ACDR Baldaio e San Campio), que se comprometeron a loitar “para que non se perda ese legado”.
No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Evencio Ferrero, quen agradeceu o labor do “movemento cultural extraordinario que temos en Carballo”. “Hai que seguir potenciando todo o que nos identifica e sentirnos moi orgullosos do que somos”, engadiu o rexedor.
O concelleiro de Mocidade, Ramón Varela, tamén aplaudiu esta homenaxe máis que merecida, aínda que fixo un chamamento a facer outros recoñecementos á “cultura do día a día”. O acto rematou coas voces e os repiques das pandeiretas acorde coas protagonistas deste ano. A mostra As Letras Cantadas poderase visitar nas Escolas do Xardín ata o 1 de xullo.
Ademais, este ano o Consello da Cultura Galega (CCG) quixo celebrar en Carballo o Concerto das Letras, que onte encheu o auditorio do Pazo da Cultura, na véspera do día grande das letras Galegas. As entradas xa se esgotaron hai unos días, polo que as persoas que non puideron conseguilas tiveron que conformarse con seguilo a través de streaming.
A vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destacou a figura das cantareiras na presentación do concerto, que ofreceu unha viaxe sonora pola tradición popular oral do país cunha envoltura sonora de jazz. “Celebrar a figura das cantareiras lémbranos a importancia de fortalecer os vencellos comunitarios, deixar a un lado o individual e procurar o que nos une”, sinalou.
Once músicos, agrupados en Do Bertau, formación coordinada por Richi Casás e creada especificamente para a ocasión, ofreceron una mostra dos milleiros de textos e músicas creadas durante séculos e que perduraron na memoria do pobo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, unha ampla representación da cultura e da sociedade galegas asistiron a este encontro na tarde de onte.
O concerto comezou cunha escolma do repertorio das Pandereteiras de Mens (Malpica) nunha suite de ritmos típica desta área xeográfica en forma de comparsa, xota, muiñeira e pasodobre. O tributo as cantadoras e tocadoras continuou durante todo o recital na véspera do seu día grande.
Hoxe as protagonistas serán Rosa e Adolfina Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Teresa García Prieto, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido. As catro últimas son as Pandeireteiras de Mens, que xunto coas otras mulleres conforman os sete nomes propios deste ano.
En Mens, precisamente, celébrase esta mañá (11.00 horas) o acto conmemorativo das Letras Galegas, que estará presidido polo titular do Executivo galego, Alfonso Rueda. Ao seu remate, o presidente asistirá tamén ao pleno extraordinario que celebra a Real Academia Galega co motivo das Letras, e que será no centro cívico de Malpica (12.30 horas). Ao acto acudirán numerosas autoridades.