Na recta final do XI Festival de Humor de A Laracha, mañá venres chega un dos espectáculos máis agardados desta edición, as Noites de Retranca, con Pepo Suevos e Manuel Manquiña. Será ás 22.00 horas na Casa da Cultura, e está dirixido ao público adulto.
Os humoristas prometen facer pasar unha noite de risas cos seus particulares contos. O ciclo, que se levou a cabo durante este mes, rematará o vindeiro venres 30 de maio con Palo Capilla.
Por outra banda, mañá tamén se abrirán dúas novas mostras cos traballos realizados polo alumnado dos cursos de macramé, labores de tecido e encaixe de palillos do programa municipal de actividades, que se poderán ver no centro sociocultural de Paiosaco e na antiga rectoral de Caión ata o vindeiro domingo.
Ademais, esta tarde terá lugar a última proposta infantil do programa municipal das Letras Galegas na Laracha, “Os contos do gato”, dirixida aos maiores de 3 anos. Será ás 19.00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Na proposta colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística do programa Ler Conta Moito