Muxía honra á súa cantareira Eva Castiñeira, coa que culminan os actos das Letras

Muxía honra á súa cantareira Eva Castiñeira, coa que culminan os actos das Letras
Música e baile tradicional este domingo na Laracha I Raúl López

As Letras Galegas deixaron unha fin de semana maratoniana na Costa da Morte, con diversos actos para honrar ás protagonistas deste ano, as cantareiras personificadas nos nomes de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica), e Eva Castiñeira Santos (Muxía).


Este domingo rendiase tributo a Eva Castiñeira diante da súa casa natal no lugar de Agranzón, nun acto promovido polo Concello para honrar a figura da súa veciña, que puxo o broche de ouro á celebración das Letras Galegas. Así o destacou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, durante o evento, no que recoñeceu o “acerto” de adicar o 17 de maio ás cantareiras, a pesar das reticencias iniciais cando se plantexou a candidatura. Ademais, destacou os “actos masivos” que houbo na Costa da Morte e en toda Galicia. “Dicíamos que sonarían as pandeiretas por toda Galicia e así está sendo”, indicou. 

 

IMG 20250518 WA0001
Participantes na homenaxe este domingo en Agranzón-Muxía


A subdirectora xeral da Lingua, ademais de eloxiar o papel de Eva Castiñeira, fixo extensiva á homenaxe a todas as “mulleres anónimas” transmisoras da cultura popular dunha xeración a outra, e destacou que estas foron as “letras máis sentidas da Costa da Morte”, convertida no epicentro da producción oral galega. 


O fillo da homenaxeada, Juan José, foi o que pronunciou o discurso máis emotivo do acto, polo que tivo que rematalo a súa filla. Eva Castiñeira foi unha “muller que sen sabelo estaba facendo historia”, unha “desas mulleres que cantaba porque si, porque era natural e a súa maneira de entender o mundo”. Cando tivo que marcha traballar a A Coruña non deixou de cantar e alí o destino fixo que se puxera no seu camiño Tino Maceiras, quen descubriu unha “xoia” e así puido cantar coa banda Milladoiro. “Oxalá que nunca esquenzamos que as voces máis importantes non sempre saen de grandes teatros, senón de casas humildes coma esta”, pronunciou a súa neta.

 

Concerto en Cee 


A concelleira de Cultura de Muxía, Sandra Vilela, louvou a figura de Eva Castiñeira, “unha muller que deixou unha profunda pegada na memoria colectiva”, unha “transmisora de saberes que coa súa voz e as súas mans” fixo que pervivise a tradición oral. “As cantareiras foron e seguen sendo as grandes gardiáns da nosa memoria, mulleres anónimas que preservaron a lingua, a historia e a música dun país enteiro”, engadiu. “Sen mulleres coma ela, hoxe non estariamos aquí”, concluiu. 

 

PHOTO 2025 05 17 22 33 13qqqqq 55337.10
Concerto da Banda de Música de Cee o sábado no auditorio I Fuentes Cee


O alcalde, Javier Sar, tamén eloxiou a súa figura, e lembrou que Eva Castiñeira é a segunda veciña homenaxeada nas Letras Galegas en Muxía, despois de Gonzalo López Abente. O acto rematou coa música das Abaladeiras, as “herdeiras” da arte de Eva, e o descubrimento dunha placa. 


Ademais de Muxía, onte tamén houbo actos conmemorativos das Letras na Laracha, cun espectáculo de música e baile tradicional coas agrupacións culturais locais, Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco. O son das pandeiretas e o canto tradicional, esencia deste ano, soaron con forza na capital larachesa, demostrando que hai canteira e relevo xeracional. 


A música popular galega tamén foi protagonista a noite do sábado no concerto da Banda de Música de Cee, nun tributo ás cantareiras.

Muxía honra á súa cantareira Eva Castiñeira, coa que culminan os actos das Letras

Te puede interesar