A Costa da Morte viviu de forma especial as Letras Galegas deste ano. Nunca antes tivera tanto protagonismo neste día, no que por primeira vez houbo unha candidatura múltiple con sete mulleres da comarca: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica). E aínda que Malpica foi o epicentro dos actos neste sábado, coas cerimonias institucionais da Real Academia Galega, a música das cantareiras resoou con forza en toda a zona, reivindicando o seu legado.
Dende Malpica ata Cerceda e Muxía, pasando por aldeas e vilas neste día grande da cultura galega.
A pequena aldea do Couto, en Ponteceso, encheuse de novo de cultura na celebración do Festiletras, como ocorre cada 17 de maio. Alí a música das pandeiretas estivo presente durante toda a xornada, con distintas agrupacións de música tradicional. O broche de ouro poñíao o artista Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, uns clásicos xa na aldea do Couto. Catuxa Salom foi a encargada de poñer o punto final no apartado musical.
Nesta xornada tamén se entregaron os premios Bos e Xenerosos, que en liña coas homenaxeadas nas Letras deste ano, están moi vinculados ao eido musical e popular. Os galardóns da Fundación Eduardo Pondal foron para as agrupacións Aturuxo, Milladoiro e Leilía e para o académico Antón Luis Santamarina.
En Muxía, de onde era natural outra das cantareiras homenaxeadas, rendeuse igualmente tributo ás mulleres tocadoras. Pola mañá a Fudación López Abente organizou unha ruta pola localidade, e, pola tarde, Serán das Letras coa Coral Virxe da Barca, o coro tradicional Xacarandaina, as Abaladeiras de Muxía e as pandeireteiras de Xacarandaina, para rematar cunha foliada libre. Para hoxe está previsto unha homenaxe a Eva Castiñeira no lugar de Agranzón, onde naceu.
Unha homenaxe similar rendeuse en Cerceda ás súas veciñas, Adolfina e Rosa Casás. O venres colocáronse unhas placas nas vivendas nas que residiron como xesto simbólico de gratitude e memoria. E onte inaugurouse o mural das cantareiras na honra destas dúas mulleres e tamén na de todas aquelas que souberon manter viva a tradición oral e a música a través do canto popular. As pandeireteiras A Xunqueira das Encrobas puxeron o toque musical. O mural está situado no lateral do auditorio de Cerceda, onde quedará como un recoñecemento colectivo á identidade cultural transmitida de xeración en xeración.
Precisamente, as novas xeracións son as encargadas de transmitir ese legado do que tanto se presumiu neste 17 de maio. As integrantes de As Tanxugueiras así o defenderon na súa actuación no pleno extraordinario da Real Academia Galega en Malpica, reivindicándose como transmisoras desa riqueza. “Levamos as cantareiras, a Galicia, o noso idioma e a nosa cultura por bandeira, e así o faremos ata que morramos”, subliñaron, ademais de agradecer a “esas mulleres” que “nos ensinaron todo o que sabemos”.
A música popular estivo igualmente presente no auditorio municipal de Cabana, cheo a rebordar.
Os asistentes pudieron gozar coas actuacións das corais de San Martin de Cesullas e Canduas, as Cantareiras de Anos, Matilde Vilariño, Icía e Pablo Díaz, a Escola Municipal de Teatro e o grupo Son de Cabana. Tamén participaron a xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro, nun evento que mesturou cultura, música e solidariedade para reivindicar a riqueza da lingua galega.
Na aldea de Pasarela, no municipio de Vimianzo, tamén festexaron onte pola tarde as Letras Galegas, como fan cada 17 de maio, coa música tradicional das asociacións Trubisquiña e Airiños do Río Grande, ademais das actuacións de Jacinto Paredes e os seus acordeóns, Javi Sampedro e Suso Quinito, Pasarela Big Band e teatro de Os Sapapucios.
Pola noite estaban previstas as actuacións da Escola de Música de Cee, nesta localidade, e en Mens (Malpica), a Ruada Nun Mar de Letras, con diferentes agrupacións.
En Carballo pola súa banda, despois do Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega que deleitou ao público o venres, onte celebrouse unha nova edición do Concurso de Debuxo e Pintura Luis Calvo Sanz, a número 43. Os nenos fixeron as súas creacións na Praza do Concello, nunha xornada festiva moi solleira. A Banda Municipal de Gaitas acompañou, como de costume, a facer as creacións. O eco das cantareiras tamén se sentiu igualmente en Laxe, Camariñas e Coristanco, coa súa música popular.
Na Laracha haberá hoxe un espectáculo de música e baile tradicional para festexar as Letras coas agupacións culturais Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco. Longa vida a eventos como estes para que xa non haxa que celebrar as Letras Galegas, tal como se reivindicaba onte en todos os actos.