Evencio Ferrero deixará de cobrar do Concello no momento da súa xubilación

Evencio Ferrero deixará de cobrar do Concello no momento da súa xubilación
Evencio Ferrero presidindo unha reunión do pleno da corporación | mar casal

No pleno ordinario de xuño en Carballo destacarán dous nomes propios. Por unha banda, o de Evencio Ferrero, que renuncia á súa dedicación exclusiva por xubilación. 

 

O alcalde cumprirá 70 anos o 28 de xuño e a partir dese momento xa non cobrará do Concello de Carballo senón da Seguridade Social, unha situación na que tamén se atopan outros dous membros do goberno municipal: Luis Lamas e Belén Lendoiro. 

 

O segundo nome propio será o de Javier Calvelo Bellón, que presenta a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular.


O alcalde presentou este luns, acompañado polos concelleiros Ramón Varela e Maica Ures, os asuntos do pleno, que, debido á celebración das festas patronais, adiántase para este xoves día 19 ás 09.15 horas. 


Entre os asuntos que abordará a corporación figura o regulamento orgánico municipal do Concello de Carballo, que incluirá aspectos relativos aos grupos políticos municipais, a organización do Concello, as atribucións e delegacións da Alcaldía, a Xunta de Goberno Local, o funcionamento do pleno, a organización complementaria do Concello, documentos como actas, bandos e resolucións, o estatuto dos membros da corporación ou a participación cidadá.


Tamén figura na orde do día a modificación da ordenanza fiscal número 11, reguladora das taxas no mercado municipal, que implica unha redución da taxa que pagan os vendedores ambulantes de 0,63 a 0,27 euros por metro cadrado. 


“Non queremos que os prezos sexan disuasorios, senón todo o contrario, que poidan vir máis vendedores, sobre todo naquelas épocas do ano nas que se reduce a presenza de pequenos produtores porque non hai produtos da horta”, explicou Ramón Varela, concelleiro de Feiras e Mercados. 

 

Así mesmo, sinalou que esta modificación regulamentaria enmárcase no traballo que se está a levar a cabo “para acadar o selo de mercado excelente”.


Outro asunto destacado da sesión, ao que se referiu a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, é o novo contrato do servizo de axuda no fogar, por un importe próximo aos 11 millóns de euros para os próximos cinco anos, xa que cada vez hai máis necesidades que cubrir. 

 

“O ano pasado tivemos 390 usuarios e usuarias en total”, apuntou Maica Ures, quen engadiu que non se trata só da atención domiciliaria senón tamén de servizos complementarios, como psicoloxía ou salón de peiteado, e axudas técnicas, “cada vez máis necesarias”, dixo. “O que queremos é que as persoas poidan manterse nos seus domicilios, non institucionalizalas”, engadiu.

 

Renuncia de Javier Calvelo


No tocante a dimisión do concelleiro Javier Calvelo, o portavoz dos populares de Carballo, Rubén Lorenzo, explicou que a súa renuncia débese a motivos “laborais e persoais”.


Lorenzo aproveitou para agradecer o labor realizado polo exconcelleiro á hora de traballar pola veciñanza de Carballo, en concreto, pola súa parroquia de Entrecruces. 

 

Dixo tamén que seguirá vinculado ao proxecto dos populares carballeses e que o seu lugar na corporación municipal será ocupado por Sheila Cotelo Lado. 

Evencio Ferrero deixará de cobrar do Concello no momento da súa xubilación

Te puede interesar