A Xunta de Galicia entregou onte os premios aos centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas, onde resultou gañador o colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda. Na modalidade de Secundaria o premio foi para o institito Casteleo de Vigo, donde se fixo a entrega dos galardóns, coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García.
O representante da Consellería de Cultura puxo en valor este concurso para achegar “a relevancia das homenaxeadas e das súas aportacións ao patrimonio inmaterial” entre as xeracións máis novas, das que gabou a “súa implicación e compromiso” con esta difusión, a través das propostas recibidas no concurso dunha “calidade admirable”.
No concurso o alumnado debía elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviron as protagonistas, un traballo destacado por Valentín Garcías nas dúas modalidades, sobre todo pola súa “beleza estética e a harmonía”.
A mostra do colexio cercedense leva por título “Cantareiras: poesía popular oral” e completouse cunha guía didáctica. O secretario xeral da Lingua fixo fincapé no seu carácter integrador e inclusivo co emprego de técnicas e recursos diversos, entre os que se atopan códigos QR ou pictogramas.
Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, xa que se lles propuxo que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial. Os gañadores reciben unha cuantía económica de 2.000 euros para os respectivos centros.
Do concello de Cerceda son dúas das mulleres homenaxeadas este ano nas Letras Galegas, Adolfina e Rosa Casás, ademais das outras cantareiras da Costa da Morte: Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela, Prudencia e Asunción.