Soberanía para falar

Xa se ve, andan facendo país. Uns contra aos outros, pero todos prometendo a mesma felicidade. Queren un país novo e, amparándose na historia, quéreno grande e soberano. Aínda que algúns quéreno grande, sen máis. A soberanía é outra cousa e pode ser compartida cos irmáns, engaden os predicadores que non saben se a queren ou non. Eses que saben do seu significado por oídas.
 

Din os teóricos e estudosos da socioloxía, da linguaxe e da política, que soberanía é a vontade última dunha colectividade, dun pobo. E, as normas superiores din que os poderes do Estado emanan do pobo, dese pobo ao que pertencemos ou constituímos. “Nós, os labregos, os aldeáns que sufrimos a incomprensión e moitas veces a estafa, somos os que debíamos mandar e non mandamos”, dicía con certa euforia e certa tristeza aquel pastor amigo que coida do monte e das cabras, pola serra arrasada ou queimada. De que pobo será este amigo?
 

O mesmo pensaba e expresaba o director xeral daquela empresa que vendía e instalaba tecnoloxía onde máis lle pagaban. Aquel que contrataba obreiros, enxeñeiros, lingüistas, matemáticos, filósofos e xornalistas para agrandar o capital humano da compañía e para que os seus produtos foran competitivos e, se costaban o mesmo ou menos, de calidade. 
 

Aquel director xeral explicaba perfectamente as súas pretensións: “Nós -dicía- temos que ser soberanos, debemos constituír unha comunidade vinculada ao negocio, fomentar o uso da intelixencia artificial e poñernos todos ao servizo da comunidade e da sociedade enteira”. Efectivamente, a confianza é un dos grandes valores cos que contan os especuladores, os vendedores de fume e os estafadores, sexan ou non ben falados.
 

Pero os que cantan “o meu país / é verde e neboento / ... é unha terra e un chan / É un recuncho sen tempo...”, que pensarán? Son tan soberanos como os outros, tan nosos como calquera e teñen que ser libres igual que tódolos pobos e tódolos homes.
 

E a soberanía alimentaria, onde está? Quen manda na fame, nos pobos que pasan fame, nos que non teñen alimentos para repartir? Quen manda aquí, na farsa e nos residuos, na mentira e na calamidade? No silencio e na complicidade, quen manda? E a soberanía, fóra dos textos, onde reside? Como di a Tía Manuela, “moito se fala por non estar calados e moito se cala por non falar”.

Soberanía para falar

Te puede interesar