Onde irá o prestixio, a remuneración e o talante daquelas azafatas de anos pasados? Daquelas das que presumían con orgullo as máis prestixiosas compañías aéreas, a veciñanza do lugar onde naceran ou onde se criaran, os pilotos que, ataviados cos seus traxes de estrelas e galóns nas mangas da chaqueta, guiaban polo aire, por arriba ou polo medio das nubes, e os pasaxeiros que ían e volvían á hora exacta.
O paso e o cambio do tempo, ás veces, é como o cambio climático, que sempre vai a peor: máis calor que nunca, máis temporais, máis mortos por asfixia, por frío ou por nada. Máis xente morrendo nos mares e millóns de famentos sobre a terra, sen comida, sen auga e sen vida.
Felisinda ten cen anos e, cando era nena, emigrou a Venezuela. Malamente lía os titulares do xornal, pero entendíao todo e fiaba do que viña escrito. Agora, nesta era de abundancia, lectura e fartura, ninguén se fía de nada e hai que loitar seguido para conservar a vida e para que poidan vivila os milleiros de mozas e mozos que se achegan, como poden e con desatino, á terra anunciada e promocionada polas “mafias organizadas”, coa usura dos avarentos.
Diante do maltrato continuado, da desigualdade e da inxustiza, que di Felisinda? Pois, –á maioría dos que veñen en barco (como fomos nós) buscan pan e traballo, como buscabamos os galegos en calquera parte do mundo. ”Dábannos traballo malo e mal salario” –engade Felisinda– Aquí e agora, danlles escola, sanidade e unha paga, como merecen todos os vivos”.
Milleiros de emigrantes amoréanse xunto do mar en Canarias. Chegaron sen documentos, sen nome e sen idade. E, ao parecer, outros milleiros entran polos aeroportos internacionais e ao chegar, mesmo ao despedirse da azafata, perden a documentación, non se acordan da súa idade e intégranse no grupo de menores indocumentados. Nese grupo permanecen á espera da proba ósea, ata que a ciencia determine se son ou non menores.
O número de mortes na travesía agranda o problema da inmigración. Se queren frealo, poderían seguir o consello da Tía Manuela e de Felisinda, “hai que respectar os dereitos humanos, exterminar as actitudes mafiosas dos tratantes e permitir o tránsito legal das persoas e o normal asentamento onde poidan traballar, contribuír e ganar para vivir, sen subsidio e sen pobreza”.