Con luz ou sen ela

volvemos uns cantos anos atrás. Moitos dos lectores recordarán aquela época dos sesenta cando a metade de Galicia estaba sen luz eléctrica. Daquela, os nenos aprendían a ler ás escuras. Os vellos deitábanse ao solpor e as mozas e mozos andaban na ruada ás apalpadas. A Lus do candil, de Ánxel Fole, era a guía para saír do paso.


Todos eran felices e namorábanse, como se namoran hoxe, aínda que fose por pouco tempo. A risa do instante, o aloumiño do instante e o amor do instante sucedíanse nun instante duradeiro, para lembrar toda a vida, como o amor primeiro  


Era un enorme pracer cando se achegaba o abrente, o mesmo que aquel que experimentaban cando chegaba o anoitecer e seguía a festa. Festa continuada, amigos e amigas. Festa para a ledicia, para pensar, amar e seguir. Daquela, cando “todos os gatos eran pardos”, era igual que agora cando todos van con excepcional colorido, de amarelo, de vermello, de verde claro, de violeta ou morado.


Viva a ledicia! A pesar de que o mundo enteiro entre en colapso ás escuras, con luz ou sen ela. Viva o pantrigo e a harmonía da xente. Que viva o goberno e o seu predicamento. A xente guapa que viva tamén, que desfrute e reviva os seus amores, que miren para a vestimenta e que anden por onde anda a xente, por onde pasean os uniformados, por debaixo do voar e do cantar dos paxaros.


Por alí van todos eles e polo mesmo sitio volven. Son milleiros de homes e mulleres cos seus corazóns en mil anacos, coas súas almas en vela e coas miradas intentando ver outra vez a terra. Cómpre parar!, observar o tempo, mirar se a chave acende a luz e se a luz alumea. Se é o caso, adiante!


E, paremos un momento! A quen favorece o apagón inconcibible? Quen ten a chave da luz? Quen sopra na chama da vela, para que ninguén vexa nada, para que non saibamos onde estamos, para que o mundo estremeza e se agoche nesta primavera luminosa? Para que non saiban os comensais de que está feito o caldo, a escuridade non é mala. Pero de quen é o negocio?


Volvemos aos tempos escuros, a noite farase infinita e a madrugada será eterna, pero aquí seguimos, ao amparo da natureza que, como di a Tía Manuela, é a que sabe e na que todos, ou moitos, intentan mandar. Con luz ou sen ela, se non funciona o enchufe, non somos nada.

Con luz ou sen ela

Te puede interesar