Gumersindo soñaba. Estaba na cama e ao espertar decatouse de que os seus soños eran realidade, ardera o palleiro, o carro, o tractor, a herba das vacas, as vacas e as ovellas. Ardera a memoria, os contos que escoitara, o canizo da lareira e unha boa parte do arado co que el e a súa burra, Florinda, araban as patacas, a horta enteira de Este a Oeste, co primeiro rego no Norte daquela terra sombría.
Quen prende o lume? Obviamente hai miles de razóns para apagalo e non se coñece ningunha para acendelo. E, a quen favorecen os incendios? A quen favorece a miseria e a inxustiza? E a sen razón dos gobernantes que mandan, ordenan, falan e non gobernan? As motivacións cálanas e, se é o caso, néganas.
Cómpre dicirlles aos da poltrona que baixen e miren, aínda que se luxen na lamorqueira que producen e no bulleiro que estenden. Hai que dicirlles que dean explicacións, que teñan conducta adecuada, control da situación, acción e resolución.
Gumersindo soñaba cun goberno que gobernara con equidade e que prestara atencións a todos, especialmente a quen máis as precisaba. Ao pouco de espertar, nada de nada. Os dunha esquina acusaban aos da outra, dábanse bastas labazadas dialécticas e facían do insulto a súa arma de guerra e de loita contra os lumes. Mentres tanto o pobo, outra vez sen descanso e sen vacacións, con vasoiras de xesta e forcadas, apaga as labaradas que lle queiman o leito, a alma e o suspiro. Eran vasoiras de xestas recollidas minutos antes de arder.
Aí vén o inferno arrasando os montes, a vexetación, o patrimonio e a vida no rural de Galicia. En pouco, quedaremos sen nada. Galicia quedará soterrada nas súas propias cinzas e ninguén será quen de recordar nada. Parece como se alguén preparase unha estratexia para desenvolver eficazmente a desfeita, a destrución do pouco que queda, do que fomos e do que tivemos.
Desfíxose o rural, abandonáronse as aldeas, derrubáronse as escolas, fóronse os mestres, os agricultores, os paisanos, os netos e os avós. Todos, todos se foron forzosamente. E, aínda que queiran, non os deixarán volver. Esas empresas que “loitan” contra os incendios forestais, que viven e que se enriquecen da desgracia, deixarán ao territorio arruinado e coas cinzas do monte encubrirán calquera outro ulido.