Galicia conta desde este luns coa primeira estratexia centrada no aeroespazo, a seguridade e a defensa. Así o acordou o Goberno galego na súa reunión semanal, na que se abordou a proposta da Consellería de Economía e Industria para ampliar o alcance da súa política de apoio á industria aeroespacial co lanzamento dunha nova iniciativa estratéxica para o período 2025-2030. Trátase dunha folla de ruta centrada no crecemento empresarial, na atracción de novos investimentos industriais e na creación de emprego de alta cualificación neste sector en Galicia.
A Iniciativa Estratéxica aprobada hoxe apoiarase no desenvolvemento de tres grandes programas de investimento e de 21 actuacións específicas coas que se pretenden mobilizar 900 millóns de euros procedentes da colaboración público-privada nos próximos cinco anos, a partir dun investimento da Xunta de 183 millóns de euros.
A iniciativa apóiase no desenvolvemento de tres programas de investimento e de 21 accións específicas
A transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde 2015 tras a posta en marcha da Civil UAVs, constituirá unha oportunidade para que industrias como as da automoción, naval, metal, TIC ou loxística diversifiquen a súa actividade e accedan ás oportunidades que ofrecen a seguridade e a defensa.
Deste xeito, a Xunta dá un paso adiante e compromete un apoio estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servicios de alto valor en Galicia aproveitando as capacidades que a comunidade atesoura para poder asumir a fabricación do 75% das tipoloxías de compoñentes e servizos que require o sector.
Así mesmo, esta nova iniciativa está aliñada coas políticas e plans da Unión Europea e permite incorporar a Galicia ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no contexto sociopolítico actual, ao tempo que se reforza a posición da rexión no escenario nacional e internacional.
A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen neste ámbito. Na actualidade Galicia suma 115 centros de traballo dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial.
O segundo busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción, fomentando a transición entre sectores; ao que se suma, en terceiro lugar, a materialización de novos investimentos industriais que se concreten en centros de produción en Galicia.
O cuarto é o fortalecemento das capacidades produtivas territoriais da comunidade, a través de acceso a capital, infraestruturas e traballadores cualificados. E, por último, liderar as novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta como goberno emprendedor e exemplo no impulso da colaboración público-privada.
Do mesmo xeito, establécense tres programas de investimento: o Programa Ecosistema, o de incorporación e consolidación e un terceiro programa para investimentos duais.
O Programa Ecosistema busca tecer alianzas con socios estratéxicos e tecnolóxicos a través dos Acordos de Asociación para fomentar o crecemento conxunto de empresas tanto do ámbito da defensa como alleos.
No marco da nova estratexia preténdense acadar catro novos contratos da Xunta con socios estratéxicos e tecnolóxicos con capacidade de tracción e cadeas de valor atractivas para o ecosistema galego, que realicen unha clara aposta pola creación de tecnoloxía e polo investimento industrial.