O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo, explicou que os “números non están moi claros” de cantos maiores hai afectados en Galicia pola soidade non de desexada, polo que entre as “primeiras medidas” da estratexia que a Xunta pon en marcha estará saber: “Quen está, onde está e que necesita”.
Diso informou a preguntas de Silvia Longueira (PSdeG), na Comisión de Sanidade, na que a deputada socialista queixouse de que esta estratexia “chega tarde”, aínda que lle dá a súa “benvida”.
Acevedo relatou que buscaron exemplos noutras administracións pare atopar “as mellores iniciativas”, pero “non existe moito onde mirar”.
Por iso, apelou a aquelas persoas nesta situación que estean interesadas en participar a que non dubiden en “acompañar” á Xunta para ofrecer a súa “experiencia”. Remarca que esta estratexia non se dirixe só a maiores, senón tamén a mozos e idades medias, aínda que recoñece que os “máis vulnerables son os maiores”.
Ao longo deste mes se poñerá en marcha unha canle telefónica que atenderá e fará un seguimento da situación de soidade non desexada de persoas maiores en Galicia.
Por outra banda, Iria Carreira (BNG) preguntou á Xunta por medidas para atallar a “transfobia” existente, xa que un 38% das persoas trans aseguran vivir algún tipo de discriminación e unha de cada catro algunha agresión física ou sexual.
Sobre isto, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, lamentou que, “por desgraza”, a discriminación a persoas trans “segue existindo” e “queda moito” por facer.
Con todo, valora diferentes programas nos que participa a Xunta, como os de atención psicolóxica, e sinala que hai un “esforzo” dos Centros de Información ás Mulleres cun “protocolo de atención específica”, unido a un estudo que se realiza sobre a súa situación laboral, entre outras medidas.