Ciencias da Educación fomenta a motricidade e a expresión corporal das crianzas a través dos oficios tradicionais galegos

Ciencias da Educación fomenta a motricidade e a expresión corporal das crianzas a través dos oficios tradicionais galegos

O desenvolvemento da expresión e comunicación corporal así como da motricidade infantil a través do coñecemento dos oficios tradicionais galegos é a meta que persegue o proxecto de aprendizaxe-servizo ‘Oficios en miúdo’ no que intervén unha trintena de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación da USC.


Estudantado da materia de terceiro curso ‘Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal’ que  previamente cursou ‘Motricidade Infantil’, as dúas pertencentes ao grao en Mestre ou Mestra en Educación Infantil, creou a Carmela a Labrega, unha personaxe que permitirá que nenos e nenas de entre 0 e 6 anos profunden nos oficios tradicionais de Galicia ao tempo que melloren a súa motricidade.


O proxecto desenvólvese a través dun blog no que a partir deste mércores 20 de abril iranse publicando contidos con diversas actividades para a cativada que tomando como fío condutor os oficios, poderán desenvolver mímica, bailes, dramatizacións ou exercicios de equilibrio, entre outros. Os contidos serán tamén difundidos en redes sociais como InstagramFacebookTwitter ou TikTok. O proxecto conta tamén cunha lista de reprodución en Spotify.


O profesor Javier Rico explica como despois dunha choiva de ideas na que se implicou o conxunto do alumnado, “decantámonos, finalmente, polos oficios tradicionais galegos xa que consideramos que pode ser unha moi boa opción para, por unha banda, poñer en valor e evitar o seu esquecemento e, por outra, desenvolver e fomentar a expresión corporal e a motricidade infantil”. “O seguinte paso foi a busca de maneira individual de diferentes oficios tradicionais da zona de cadaquén para, posteriormente, deixalos rexistrados nun cuestionario co fin de conseguir unha listaxe que nos permitise realizar unha escolla daqueles que máis se adaptasen aos contidos que tiñamos pensado traballar”, engade.


Finalmente, o equipo estableceu cinco categorías nas que encadrar os diferentes oficios: o grupo dos zapateiros/as e zoqueiros/as; os canteiros/as,  alfareiros/as e oleiros/as; os e as muiñeiros/as; oficios vinculados á gastronomía como leiteira/o, gandeira/o, labrega/o, peixeira/o e viticultor/a; e ao mar (mariñeiros/as, percebeiros/as ou redeiras/os, entre outros).


Prestar servizo

A iniciativa ‘Oficios en miúdo’ desenvólvese a través da metodoloxía aprendizaxe-servizo, a cal permite “traballar, aprender e desenvolver as competencias da profesión docente ao mesmo tempo que prestamos servizos á comunidade”, sinala o profesor Rico. Neste senso e no marco desta iniciativa, o alumnado conta coa colaboración da Asociación  Recreativa e Cultural ‘Os Tilos’ de Teo e a Rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela para levar a cabo  diferentes actividades cos nenos e nenas destes dous colectivos.  

Ao rematar cada actividade, os cativos e cativas deberán facer un debuxo sobre os oficios que traballaron. Ao concluír todos eles, completarán o pasaporte que lles permitirá acceder a un xogo de mesa. “Este consistirá nun dado con seis caras, cunha actividade diferente a realizar en cada unha delas e coa finalidade de xogar tanto entre as crianzas como coas familias”, explica o profesor Rico. Esta iniciativa, conclúe o docente de Ciencias da Educación, tamén pode resultar de interese “para profesorado e centros que queiran gozar do descubrimento dos oficios tradicionais ao mesmo tempo que se fomenta a expresión e comunicación corporal e a motricidade infantil”.


Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Expresión Corporal e Aprendizaxe-Servizo (ApS), tamén coñecido como ‘EXCORAS’. Ademais, foi presentado á VI Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) da USC.

Ciencias da Educación fomenta a motricidade e a expresión corporal das crianzas a través dos oficios tradicionais galegos

Te puede interesar