A Xunta autorizou este luns a declaración de excepcionalidade dos dous primeiros parques eólicos ao amparo da lei de beneficios dos recursos naturais de Galicia, que supoñerán “impactos positivos directos” na poboación a nivel socieconómico.
Trátase dos parques de Greco (nos municipios de Cercedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, A Cañiza, Covelo, Avión, Melón, Carballeda de Avia e Beariz) e Baro (Mondoñedo, Lourenzá, Castro de Rei, Pol, Riotorto, A Pastoriza e Meira) que van fornecer ata o 80% da enerxía que xeren á fábrica de silicio Ferroglobe, da empresa Ferroatlántica en Sabón.
Pero tamén implicarán “por primeira vez”, destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “medidas socioeconómicas para o contorno”, como descontos nas facturas da luz para particulares e pemes de ata un 30%, que poden chegar a 300 euros anuais se se contrata co gas, e outros “beneficios” para os 17 municipios afectados.
Entre eles o abono do 75% do termo de enerxía nos centros de maiores e do 50% en instalacións deportivas, centros de saúde e escolas infantís, informou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.
Unhas medidas que o Goberno galego cuantifica en “máis de 15 millóns de euros” e que inclúen a posibilidade de que os habitantes empadroados nestes concellos poidan participar nos proxectos, cunha achega mínima de 5.000 euros e máxima de 50.000 euros, con interese garantido anual do 5% sobre cada achega.
Estes parques supoñen un investimento de 163 millóns, a creación de 25 postos de traballo permanentes e 13 millóns en impostos municipais. En virtude da súa declaración de excepcionalidade, poderanse instalar fóra da área do plan sectorial eólico e terán unha serie de obrigacións para os promotores.
Entre elas, a priorización da contratación de man de obra local, o compromiso de inserción laboral de persoas mozas e mulleres e o apoio á prevención de incendios, con 30.000 euros anuais durante cinco anos, e aos emprendedores, con créditos a tipo cero para iniciativas empresariais de ata 50.000 euros.
Lorenzana referiuse á recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que o pasado venres ditaminou que os Estados membro non están obrigados a permitir observacións públicas tras os informes das autoridades competentes sobre a avaliación do impacto ambiental dun proxecto.
Decisión que cualificou de “excelente noticia”, e confía en que supoña a reactivación dos proxectos paralizados” e que a comunidade poida situarse “na vangarda da produción eólica”.