A Xunta de Galicia acaba de publicar no DOG a convocatoria de 11 novas bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades para levar a cabo traballos relacionados coa lingua galega. Cun investimento de 293.174 euros, esta convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno autonómico coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre o idioma propio de Galicia, co fin de promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
Nesta ocasión, as bolsas permitirán que os investigadores afonden nos seguintes proxectos de investigación: Tesouro paleográfico, Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Corpus Documentale Latinum Galleciae (CODOLGA), Bibliografía informatizada da lingua galega (BILEGA), Terminoloxía científico-técnica, Informes de literatura, Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, Lírica medieval galego-portuguesa, BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval, Dimensións da identidade colectiva de Galicia e no Estudo e Edición de Textos Literarios Galegos.
Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca fomentar a capacitación dos titulados universitarios, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega. Neste contexto, o Centro Ramón Piñeiro, como centro investigador de referencia en estudos de investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, está a potenciar o prestixio crecente da lingua galega, fomentando liñas de actuación que favorecen os traballos de investigación nestes eidos, así como a súa difusión no exterior.
Como novidade, nesta convocatoria o número de prazas, é de 11, unha máis que en 2024. Así, poderán solicitar a súa praza as persoas licenciadas ou graduadas universitarias nas titulacións esixidas no proxecto para o que presenten a súa solicitude. Ademais, deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4; non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos do Centro Ramón Piñeiro; e posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos.
As solicitudes, que poderán achegarse ata o 12 de setembro, serán avaliadas por unha comisión específica que terá en conta os méritos acreditados documentalmente por cada un dos solicitantes, considerando especialmente a nota media do expediente académico, a súa formación complementaria, a presentación de comunicacións e congresos relacionados coa bolsa ou as publicacións relacionadas coa especialidade da investigación.
A data estimada de comezo da formación será o 1 de decembro de 2025 e rematarán o 30 de novembro de 2027. Con todo, a data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxo cometido é promover a formación e capacitación das persoas universitarias a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito de humanidades.
Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva, ademais de centrarse na dixitalización do coñecemento, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan poder compartilos e difundilos e sexan de acceso libre.
Desde a súa fundación, hai 28 anos, pasaron máis de 500 investigadores ou bolseiros que formaron parte dos diferentes proxectos de investigación impulsados.