Agora vou cantar eu é o libro co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración do Día das Letras Galegas. Pretende ser unha homenaxe ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada. A vicepresidenta da institución, Dolores Vilavedra, explicou na rolda de prensa que o libro “recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo”. O libro, coordinado e editado pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, divídese en dúas partes: dunha banda, unha escolma de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que se mergulla no Cancioneiro popular galego, para seleccionar textos recollidos nos anos oitenta por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina; e da outra, unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) que contan con códigos QR desde os que se poden ver e escoitar as catorce cantareiras así como seguir os textos a través das transcricións. “O libro foi entendido como un proxecto transmedia, por iso todo o contido está recollido nun espazo web que xa está accesible” explicou Manuel Gago, coordinador da Unidade Divulgación e Contidos Dixitais do CCG.