Premian o pobo de Carballo pola dinamización lingüística

Premian o pobo de Carballo pola dinamización lingüística
Acto no que o alcalde recollía o premio no castelo de Soutomaior

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recolleu o xoves en Soutomaior (Pontevedra) o premio Lois Peña Novo, concedido ao concello “pola súa firme aposta durante máis de 20 anos pola dinamización lingüística, desenvolvendo accións que animan tanto á cidadanía como aos funcionarios no uso do galego, converténdose nun exemplo de compromiso institucional coa lingua galega”.


Os premios Lois Peña Novo, convocados pola fundación que leva o nome do autor chairego, teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da lingua galega no ámbito das administracións públicas. Ademais do Concello de Carballo foron galardoados a traballadora social María Jesús Lago Vilaboa e o científico Carlos Pajares Vales.


A entrega dos premios celebrouse no patio de armas do Castelo de Soutomaior. Evencio Ferrero agradeceu ao xurado a elección do Concello de Carballo e cualificou coma unha honra compartir galardón cos outros dous premiados.


O alcalde estendeu a gratitude do concello e do pobo de Carballo ao escritor e historiador  Xosé María Lema, que propuxo e defendeu a candidatura carballesa. “Este premio non é só para a corporación municipal de Carballo, presidida polo seu alcalde, senón para todo o pobo carballés por manter e promover o seu idioma propio, e por sentirse orgulloso de usalo, xa que en Carballo o galego fálase sen ningún tipo de complexos”, engadiu, e destacou o feito de que nesta ocasión premio fose para o conxunto do pobo.

Premian o pobo de Carballo pola dinamización lingüística

Te puede interesar